A Xunta inviste 10 M€ na formación de persoas desempregadas na área territorial de Pontevedra

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou un dos 14 cursos AFD para desempregados que se levarán a cabo en Ponte Caldelas

A Xunta financia este ano 228 accións formativas na área territorial de Pontevedra que beneficiarán a máis de 3.400 alumnos
 

Ponte Caldelas, 15 de novembro de 2023
Compartir
  • whatsapp

A O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá un dos Cursos de Formación AFD para persoas desempregadas que a Xunta financia en todo o territorio galego.

En concreto, Reguera visitou o curso de Operacións básicas na montaxe e mantemento de instalacións de enerxías renovables que se está a levar a cabo na nave de forGA de Ponte Caldelas. Esta iniciativa, que arrincou o pasado día 6 e que continuará ata o vindeiro mes de abril, formará a preto de quince persoas.

Cabe destacar que a Xunta inviste máis de 70 millóns de euros en toda Galicia para accións formativas para de desempregados (AFD), dos cales preto de dez millóns serven para financiar as 228 accións formativas que se levan a cabo na área territorial de Pontevedra e que benefician a 3.435 alumnos.

Así, tal e como explicou o delegado territorial na súa visita a Ponte Caldelas, “o compromiso da Xunta coa promoción do emprego é claro. O Goberno autonómico é plenamente consciente de que todos os recursos investidos na formación dos cidadáns xeran un retorno económico e social impagable, e moito máis cando conseguen resultados tan bos como os obtidos nos últimos anos”.

Dende forGA, a entidade encargada de ofrecer no 2023-2024 ata 14 cursos deste tipo en Ponte Caldelas, aseguran que moitos alumnos e alumnas de edicións pasadas conseguiron entrar no mercado laboral grazas aos certificados de profesionalidade obtidos ao superar con éxito a formación. Neste éxito tamén xogan un gran papel as prácticas en empresas que permiten ao alumnado coñecer de primeira man o día a día do sector.

O delegado territorial rematou a visita desexando “moito éxito” a todos os participantes e sinalou que o impacto que están a ter as medidas da Xunta en Ponte Caldelas, un concello no que o goberno autonómico investiu máis de 2.2 millóns de euros nos últimos catro anos en fomento do emprego e formación de persoas desempregadas.  

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/11/2023