O presidente da Xunta mantén un encontro con Sankie D. Mthembi-Mahanyele

Rueda recibe a embaixadora de Suráfrica en España para reforzar os lazos comerciais e empresariais entre Galicia e este país africano

O obxectivo é afianzar as relacións económicas con este Estado ao que xa exportan máis de 170 compañías galegas

Avaliaron as oportunidades que ofrece Suráfrica ás empresas galegas no sector pesqueiro, industrial ou das enerxías renovables
 

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe un encontro coa embaixadora da República de Suráfrica en España, Sankie D. Mthembi-Mahanyele, para reforzar os lazos comerciais e a colaboración empresarial entre ambos territorios.

Durante a reunión, na que tamén participou o vicepresidente primeiro e Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, abordáronse as oportunidades que ofrece o país africano para o tecido empresarial galego cara afianzar as relacións económicas entre as dúas rexións.

Un dos eidos nos que se agarda unha maior colaboración é no pesqueiro polo protagonismo da pesca de arrastre -especialmente para a captura de pescada- que fai de Sudáfrica un socio comercial de interese para Galicia. Ademais, tamén se analizaron vías para avanzar na colaboración no sector da conserva e consolidar a marca Galicia no país a través dos produtos que comercializan empresas galegas.

Por outra banda, Rueda e a embaixadora de Suráfrica, avaliaron as oportunidade comerciais que este país ofrece ás empresas galegas no eido das enerxías renovables, a rede de subministro de auga, o sector industrial -especialmente para dotar de equipos sofisticados a empresas da automoción, a minaría ou o eido farmacéutico- ou o agroalimentario.

Exportacións

Máis de 170 empresas galegas venden os seus produtos a Suráfrica. Nos últimos cinco anos -a excepción do 2020, ano marcado pola pandemia- as exportacións de Galicia a este país africano non deixaron de medrar ata chegar a preto de 53 millóns de euros no ano 2022. Os principais sectores que exportan a Suráfrica son a automoción, a agroalimentación, a industria química, o eido da maquinaria, da madeira e o textil.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/11/2023