A Xunta destaca en Santiago o papel da artesanía como dinamizadora do comercio local

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou esta mañá o novo local do obradoiro de xoiería artesanal Noroeste Obradoiro, gañador do Premio Produto nos Premios Nacionais de Artesanía 2021 e do Premio Artesanía de Galicia 2016

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2023

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou esta mañá a nova tenda taller do obradoiro de xoiería artesanal Noroeste Obradoiro, na que haberá espazo de exposición e venda de pezas tanto do propio obradoiro como doutros artesáns galegos especializados na cestería, a forxa ou a madeira.

Durante a súa visita, Heredia destacou a relevancia da artesanía como dinamizadora do comercio local, que fomenta o consumo responsable, o valor do produto feito á man e de proximidade, e mais o valor de Noroeste Obradoiro como exemplo da aplicación do deseño e da innovación á Artesanía de Galicia, nun oficio de gran tradición como é o da xoiería.

Ademais da nova localización –na Rúa Alfredo Brañas, 14– Noroeste Obradoiro incorpora nesta nova etapa a exposición e venda doutros creadores de prestixio vinculados á Artesanía de Galicia. Na tenda poderanse ver polo de agora pezas da cesteira Idoia Cuesta, coitelos de Celso Ferreiro, pezas torneadas por Aitor Martínez e tecidos elaborados por Pal.lium, ás que se irán sumando novas incorporacións co paso do tempo.

Noroeste Obradoiro recibiu a finais de 2021 o Premio Produto dos Premios Nacionais de Artesanía por Línea, unha colección de xoias que reflicten a filosofía de traballo da titular deste obradoiro compostelán, Jose Castro. Noroeste Obradoiro xa resultara gañador do Premio Artesanía de Galicia 2016 pola súa peza Voluta Volutidae.

O xerme desta empresa artesá é a Galería Noroeste, fundada polo xoieiro Antonio Ibáñez en 1994 no casco antigo de Santiago de Compostela. A vinculación de Jose Castro con Noroeste comeza antes mesmo da súa formación en xoiería. Estuda Bacharelato artístico en Estados Unidos e despois continúa a formación en Londres, Barcelona e Canadá.

As súas primeiras pezas de xoiería expóñense na Galería Noroeste, da que no ano 2011 Jose Castro se fai socia e codirectora. Con Antonio Ibáñez crea un espazo novo no que se unifica a galería cos seus respectivos talleres persoais unindo a creación, manufactura e venda das súas pezas en Noroeste Obradoiro no ano 2013.   

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/11/2023