O conselleiro do Medio Rural presentou este servizo en Chantada, xunto ao director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e ao alcalde da localidade luguesa

A Xunta destina preto de 1,7 M€ ao matadoiro móbil que mellorará a xestión e a rendibilidade de pequenas explotacións afastadas de ovino, cabrún e porcino

José González sinalou que esta iniciativa permitirá reducir os custos de transporte do gando destas explotacións que se atopan a distancia dos matadoiros convencionais e mellorar ao tempo a calidade da carne e o benestar animal

Remarcou os prezos “moi razoables” para os gandeiros por prestarlles este servizo, que destacou como pioneiro dentro de España

Avanzou que se vai desenvolver unha marca, como certificación de calidade, que amparará os produtos resultantes dos animais sacrificados como de proximidade e cun alto grao de benestar animal, entre outras vantaxes recoñecibles

Chantada (Lugo), 28 de novembro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, puxo hoxe en valor o investimento de preto de 1,7 millóns de euros do seu departamento para a creación do servizo de matadoiro móbil. Destes fondos, aproximadamente a metade xa se executaron e o resto figura nos orzamentos de 2024.

O conselleiro presentou esta iniciativa nun acto que tivo lugar esta mañá en Chantada e no que estivo acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, polo alcalde desta localidade luguesa, Manuel Varela e polos delegados territoriais da Xunta en Lugo e Ourense, Javier Arias e Gabriel Alén, respectivamente.

O servizo contará cunha decena de traballadores e, para optimizar o seu funcionamento, habilitarase un número de teléfono específico e un acceso web, co fin de resolver dúbidas e facilitar a petición de citas.

O titular de Medio Rural destacou que esta iniciativa permitirá mellorar a xestión e a rendibilidade de moitas explotacións de pequeno tamaño, localizadas en zonas afastadas de grandes núcleos de poboación e situadas a distancia dos matadoiros convencionais. Trátase, sinalou González, de facilitar o sacrificio de ovellas, cabras e porcos nesas zonas, optimizando así a xestión destas explotacións ao reducir os custos de transporte do gando e mellorando ao tempo a calidade da carne e o benestar animal. Así mesmo, engadiu, dinamizaranse estas áreas, ao dotalas dun servizos que as fará máis atractivas para traballar e para vivir.

Nesta liña, o conselleiro salientou que con esta iniciativa plásmase o compromiso da Xunta por “impulsar as pequenas explotacións -especialmente as de extensivo-, traballar no benestar animal e ser quen de innovar para mellorar a situación do rural galego”. Engadiu que en Galicia, pola “dispersión das súas explotacións, este proxecto ten especial razón de ser” e definiu as instalacións presentadas hoxe como “moito máis que dignas” para arrancar con este servizo.

Iniciativa pioneira en España

Asemade, o conselleiro definiu esta iniciativa como pioneira en España e explicou que para a súa posta en marcha estudáronse os antecedentes noutros países, caso de Suecia, así como as posibles explotacións interesadas. A partir de aí, indicou, creouse un matadoiro que se basea en dous eixo principais. Por un lado, a propia unidade móbil de sacrificio de gando, montada sobre un semi-remolque frigorífico, dotado da súa correspondente cabeza tractora. Por outra banda, unha instalación base con sede en Chantada, que permitirá, entre outras cousas, o almacenamento das pezas en canal en cámaras frigoríficas, o mantemento e desinfección da unidade móbil e a xestión administrativa e de residuos.

Nesta liña, José González remarcou os prezos “moi razoables” para os gandeiros por prestarlles este servizo. Así, lembrou que van dende os 10 euros para animais ovinos e cabrúns menores dun ano (contabilizando só o sacrificio e a preparación do canal) ata os 50 euros para os porcos, no caso de incluír tamén o almacenamento e transporte a punto de distribución.

A maiores, o conselleiro avanzou que, no marco desta iniciativa, vaise desenvolver unha marca, como certificación de calidade, que amparará os produtos resultantes dos animais sacrificados como de proximidade e cun alto grao de benestar animal, entre outras vantaxes recoñecibles.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/11/2023