A Xunta pon a punto a nova UCI do CHUAC que aumentará o número de boxes ata os 29 e todos eles individuais

Os conselleiros de Infraestruturas e de Sanidade visitaron este novo espazo que entrará en servizo en xaneiro de 2024

Comesaña sinala que a nova UCI forma parte da fase 0 do CHUAC, que supuxo un investimento de preto de 20 M€ entre obra e equipamento

Os orzamentos do Goberno galego para o vindeiro ano contemplan preto de 40 M€ para iniciar a fase 1 do CHUAC

Ethel Vázquez avanza que a mediados do próximo mes de decembro estarán adxudicados os tres contratos para a execución da Torre Polivalente, a demolición do Hotel de Doentes e o contrato de redacción do proxecto construtivo e de execución dos accesos, que suman un investimento de máis de 60 M€

A conselleira de Infraestruturas sinala que xa está entregado o proxecto básico de todo o Novo CHUAC e que o obxectivo é rematar no primeiro trimestre de 2024 o proxecto de execución

A Xunta priorizará a expropiación dos terreos de Pedralonga para as novas vivendas co obxectivo de licitar as obras de urbanización en febreiro e comezalas en xullo

Os expropiados poderán permanecer nas súas vivendas ata que sexa estritamente necesario liberalas para a execución das obras do Novo CHUAC, previsiblemente, ata avanzado o 2º semestre de 2024
 

A Coruña, 28 de novembro de 2023
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, visitaron esta mañá a nova unidade de coidados intensivos do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, que aumentará o número de boxes ata os 29, o que supón cinco máis, e todos eles individuais. O titular da carteira sanitaria explicou que, será a partir de xaneiro, cando comezará a funcionar esta nova área, logo de planificar un traslado que non é sinxelo polo delicado dos pacientes e dos requirimentos técnicos. Logo diso, sinalou que restará só da fase O poñer en marcha os novos espazos de farmacia e de urxencias.

Os dous conselleiros estiveron acompañados na visita polo delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor; polo xerente da área sanitaria, Luis Verde; así como pola xefa de servizo da UCI, Mónica Mourelo Fariña.

Comesaña detallou que esta nova unidade sitúase a continuación da actual UCI de coronarias, e utiliza o mesmo esquema organizativo que esta e, en consecuencia, poderanse mover a esta zona as camas de UCI de politraumatizados e coidados intermedios que están agora no quinto andar, e completar un bloque integral de críticos nesta sexta planta.

O conselleiro de Sanidade incidiu na aposta clara por este tipo de espazos a raíz da pandemia, onde se comprobou que o manexo das enfermidades infecciosas era máis operativo en espazos como este. Ademais, esta medida encaixa coa Estratexia de Humanización do Sergas, xa que estes espazos individualizados facilitan o confort de pacientes e familiares. Ao respecto, Comesaña remarcou que o seu departamento conseguiu, nesta lexislatura, que todas as UCIs galegas permitan a presenza, durante as 24 horas, dos pais e nais no caso de nenos ou neonatos.

Para o responsable da sanidade pública galega, espazos como o que hoxe visitaron os dous conselleiros facilitan as contornas máis humanizadas a todos os pacientes críticos. Este é, -dixo Comesaña-, o modelo de UCI que existe nos hospitais máis novos dos Sergas, Lugo e Vigo, e se implantou, a través de reformas específicas, no de Santiago de Compostela e Ourense, e do mesmo xeito se implantará nas ampliacións que se están a levar a cabo en Ferrol e Pontevedra e na Coruña.

Investimento de preto de 20 millóns de euros

Na súa intervención no acto de hoxe, Comesaña dixo que, coa posta en marcha deste novo espazo, a Xunta está a pechar unha fase que supuxo en total un investimento de preto de 20 M€, entre os 13 da obra e os case que sete de equipamento. Case a metade dese investimento en equipos, uns tres millóns, foi destinado á UCI para as camas de críticos, respiradores, ecógrafos, equipos de monitorización, entre outro aparataxe.

Tamén incidiu Comesaña en que a Xunta puxo en marcha, nestes últimos meses, varios novos espazos neste hospital, entre os que destacou os novos hospitais de día, con preto de 100 postos; e a nova unidade de hospitalización, con 15 habitacións.

Para rematar a súa intervención, puxo en valor que o Proxecto de Orzamentos para 2024 prevé 250 millóns para infraestrutura e equipamento hospitalario, remarcando que preto de 175 millóns destinaranse a obra hospitalaria.

Tres proxectos en marcha

Pola súa banda, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, referiu que os case 40 M€ consignados nos Orzamentos da Xunta de 2024, cos compromisos plurianuais por importe de 445 M€, permitirán avanzar nos tres proxectos que están agora mesmo en marcha: a execución da Torre Polivalente, que será a primeira edificación icónica do Novo CHUAC e que suporá un investimento de máis de 35 M€; a demolición do Hotel de Doentes, necesaria para executar o anel perimetral que bordeará o hospital, cun investimento de 1,4M€; e a redacción do proxecto construtivo e de execución dos accesos, que suporá un investimento de máis de 24 M€.

Avanzou que estes tres contratos, que suman un investimento de máis de 60 millóns de euros, estarán adxudicados a mediados do mes de decembro para, tras a súa sinatura, comezar os traballos. No caso dos accesos, as obras iniciaranse unha vez redactado o proxecto de construción.

Sinalou, ademais, que xa está entregado o proxecto básico de todo o Novo CHUAC e que o obxectivo é rematar no primeiro trimestre de 2024 o proxecto de execución.

Ethel Vázquez referiu que, co obxectivo de adiantar o máximo posible a solución para as vivendas que é preciso reubicar, a Xunta vai adiantar o levantamento das actas de ocupación correspondentes ao sector residencial de Pedralonga, o terreo destinado á reubicación das vivendas, á segunda semana de febreiro. Isto permitirá licitar as obras de urbanización no mes de febreiro e comezar os traballos en torno ao mes de xullo.

En todo caso, subliñou, estase traballando e avanzando de forma dialogada cos expropiados, e deixarase que aquelas persoas que queiran seguir nas súas vivendas o fagan ata que sexa imprescindible para a execución das obras do Novo CHUAC, polo que, previsiblemente ata avanzado o 2º semestre de 2024 poderán seguir nas súas casas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/11/2023