A Xunta reclama ao Estado na nova etapa consenso no deseño das políticas de emprego e amosa preocupación pola retirada do alivio fiscal a autónomos

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, mantivo hoxe en Pontevedra un encontro coa Asociación Intersectorial e Interterritorial de autónomos e pequenas empresas de Galicia

Salientou o apoio autonómico a este colectivo con medidas como a cota cero ou a nova Estratexia de impulso ao emprego autónomo, horizonte 2027, con 360 millóns

Destacou que a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade acaba de solicitarlle por carta á vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, máis diálogo na nova lexislatura e fondos suficientes para implantar medidas reais para a igualdade, a conciliación e a saúde laboral

Pontevedra, 29 de novembro 2023
Compartir
  • whatsapp

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, mantivo hoxe en Pontevedra un encontro coa Asociación Intersectorial e Interterritorial de autónomos e pequenas empresas de Galicia na que lle transmitiu a preocupación do Goberno galego pola eliminación por parte do Estado do alivio fiscal que viñan tendo os autónomos que cotizan polo sistema de módulos para compensar a inflación. “A Xunta estará con vós e non vos deixará sós”, apuntou.

Na xuntanza, ademais, salientou que a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, envioulle unha carta á vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, con motivo do seu novo nomeamento para reclamarlle consenso e coordinación no deseño das políticas activas de emprego na nova etapa.

Na misiva, en concreto, Rivo sinala que para o Goberno galego os valores de responsabilidade social e empresarial son prioritarios, destacando que a execución destas iniciativas depende en gran medida das políticas que se prestan desde o Ministerio de Traballo, polo que apelou nesta nova etapa ao diálogo e a que o Estado conte co consenso das comunidades autónomas para o seu deseño e desenvolvemento.

Así mesmo, referiuse aos subsidios por desemprego e outras políticas activas que, na súa opinión, deben funcionar como “instrumento de paso” para unha pronta inserción laboral e fomentar a reinserción, principalmente dos colectivos que máis dificultades teñen para acceder ao mercado de traballo.

Na mesma carta, Rivo sinala a aposta de Galicia pola calidade e a igualdade no emprego, lembrando que a Comunidade Autónoma galega é a primeira do Estado que máis recursos económicos destina á poboación sen emprego e a segunda en número de axudas ao emprego, por detrás de Navarra.

Máis recursos e fondos suficientes

A conselleira lembra tamén a Díaz o apoio da Xunta de Galicia aos sectores estratéxicos e as políticas que está levando a cabo para a implementación de plans de igualdade, medidas de conciliación e a mellora da sáude laboral. Neste senso, indica que a seguridade e o benestar no ámbito laboral son prioritarias en Galicia, esgrimindo que as persoas traballadoras son o maior valor do tecido produtivo. “É preciso garantir unhas óptimas condicións de traballo, seguridade e previr situacións de risco, así como promover a saúde integral no traballo, atendendo a factores físicos e psicosociais”, engade na carta.

Isto implica, segundo resalta Rivo, “un forte compromiso” por parte dos gobernos autonómicos, pero tamén do Estado coa dotación de novas aplicacións informáticas actualizadas para tramitar de xeito telemático partes de accidentes de traballo e enfermidades, así como o incremento do número de efectivos da Inspección de Traballo e Seguridade Social en Galicia.

A titular de Promoción do Emprego sinala, así mesmo, a necesidade de actualizar as normativas vinculadas coa economía social para dar resposta ás novas realidades laborais e un incremento dos recursos para cubrir os custos dos centros especiais de emprego para refozar a inclusión dos colectivos con discapacidade.

A conselleira reitera, por último, o compromiso da Xunta co impulso do emprego feminino, a eliminación da fenda salarial e o fomento da inclusión dos colectivos LGTBI no mundo laboral. Neste senso, reclama ao Estado fondos suficientes para seguir desenvolvendo medidas reais e específicas neste ámbito e tamén para apoiar o emprendemento, garatindo a orientación e formación para o emprego e a elaboración dunha orde ministerial sobre o procedemento de valoración de postos de traballo.

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Pablo Fernández, para rematar a súa intervención na xuntanza, tras expoñer as demandas da Xunta ao Goberno de Pedro Sánchez en materia laboral, afirmou o apoio “incondicional” do Goberno autonómico co colectivo dos autónomos, fronte ás medidas que está a adoptar o Estado como é a retirada do alivio fiscal que viñan tendo os autónomos que cotizan polo sistema de módulos para compensar a inflación.

Fernández, neste senso, lembrou o deseño por parte da Xunta de novas medidas para favorecer a actividade deste colectivo, como é a cota cero, ou a nova Estratexia de impulso ao emprego autónomo Horizonte 2027: con 360 millóns de euros para fortalecer o traballo por conta propia e potenciar a calidade dos novos proxectos.

Galicia é cun 20,05 % a primeira comunidade autónoma con maior peso de autónomos no total de afiliacións.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/11/2023