A Xunta avanza en Narón a nova convocatoria do Bono Enerxía Peme que abrirá o prazo de solicitudes o vindeiro 10 de xaneiro

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o establecemento Australian, beneficiario do programa

Compartir
  • whatsapp

Narón (A Coruña), 29 de novembro de 2023

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá en Narón o establecemento Australian, un dos beneficiarios do programa Bono Enerxía Peme da Xunta de Galicia.

Grazas á axuda recibida, este local substituíu a bomba de calor existente e renovou a instalación de climatización, implantando un equipo que permite un maior aforro enerxético, así como mellorar a calidade do aire. Prevese que Australian reduza nun 63 % o consumo inicial de enerxía.

O director xeral avanzou a nova convocatoria do programa Bono Enerxía Peme -da que hoxe se publican as bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia (DOG)- que abrirá o prazo de solicitudes o vindeiro 10 de xaneiro.

A nova edición destinará 3 M€ para facilitar a mellora das instalacións enerxéticas de ao redor de 700 pemes e autónomos. O programa aspira a mobilizar 7 M€ de investimentos, así como unha redución do consumo duns 3.400 MWh/ ao ano, unha diminución de emisións equivalente a acción de plantar 51.000 árbores e a creación ou mantemento de 58 postos de traballo.

As axudas cubrirán a instalación de elementos de control solar e térmico; a renovación de equipos de iluminación interior e exterior -incluíndo rótulos e escaparates-, por outros que utilicen tecnoloxía LED; a mellora de eficiencia enerxética en instalacións eléctricas garantindo unha subministración con calidade e fiabilidade; a renovación de equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras; equipamentos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria; e sistemas domóticos e inmóticos para xestionar a enerxía e o gasto de forma eficiente. Ademais, mantense a axuda para asesoramento enerxético, consistente na realización de diagnoses e auditorías enerxéticas.

A intensidade de axuda será do 80 % ata un máximo de 6.000 euros por centro de traballo. A axuda do bono asesoramento enerxético non computa a efectos deste límite máximo. Ademais, os beneficiarios poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % da axuda sen necesidade da presentación de avais. 

Esta é a cuarta convocatoria deste programa que, ata o momento, xa apoiou máis de 2.400 actuacións cunha axuda de 10,17 M€ e que pretende reducir os custos enerxéticos de pemes e autónomos nun contexto de elevado prezo enerxético para aumentar a súa competitividade. Á vez, contribúese a aumentar a seguridade das instalacións, mellorar o medio ambiente e proporciónanse as ferramentas necesarias para avanzar na descarbonización.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/11/2023