O conselleiro do Medio Rural clausurou en Boborás unha xornada sobre esta materia centrada especialmente na provincia de Ourense

A Xunta porá en marcha no 2024 os primeiros polígonos agroforestais, agrupacións de xestión conxunta e espazos agrarios de experimentación dentro da Lei de recuperación

Estas figuras teñen un carácter dinamizador do territorio e innovador e para a súa posta en funcionamento estanse captando fondos europeos orientados cara a dixitalización, a valoración dos produtos agroalimentarios ou a mellora enerxética

Todo este esforzo suporá un investimento de máis de 10,5 millóns de euros, dos que máis da metade se destinarán á execución de polígonos e aldeas modelo

José González destacou que, en conxunto, os instrumentos da Lei de recuperación fixeron xa posible a mobilización de arredor de 10.000 hectáreas de superficie en toda Galicia e delas máis de 5.700 hectáreas corresponden á provincia ourensá

Compartir
  • whatsapp

Boborás (Ourense), 29 de novembro de 2023

O vindeiro ano será clave no impulso e consolidación dos diferentes instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Así, ao longo do 2024 poranse en funcionamento os primeiros polígonos agroforestais e verán a luz as primeiras agrupacións de xestión conxunta, fundamentalmente ligadas ao sector forestal, así como os novidosos espazos agrarios de experimentación. Ademais, seguiranse fomentando permutas de especial interese agrario -como as xa realizadas no concello lugués de Friol- e afondarase no desenvolvemento dos proxectos de aldeas modelo.

Estas figuras teñen un carácter dinamizador do territorio e innovador e para a súa posta en marcha e desenvolvemento estanse captando fondos europeos destinados á innovación e cooperación e orientados cara a dixitalización, a rastrexabilidade e valoración dos produtos agroalimentarios ou a mellora enerxética, entre outros aspectos. Todo este esforzo suporá un investimento de máis de 10,5 millóns de euros por parte da Xunta, dos que máis da metade se destinarán á execución de polígonos e aldeas modelo.

Estes son varios dos anuncios realizados hoxe polo conselleiro do Medio Rural, José González, na clausura dunha xornada sobre esta materia celebrada na localidade ourensá de Boborás e que estivo centrada na mobilización de terreos agrarios nesta provincia. Neste acto, que foi inaugurado pola alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, o conselleiro estivo acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén. Ademais, tamén estivo presente o director da Fundación RIA, Manuel Rodríguez.

Polígonos agroforestais

Así, neste contexto, o titular de Medio Rural avanzou que o vindeiro ano licitaranse os primeiros polígonos agroforestais de Galicia, procurando mobilizar terra nun período de non máis de tres anos desde que se decreten. Isto supón que se ofertarán as terras en arrendamento ou en venda aos produtores interesados sempre, engadiu o conselleiro, co máximo respecto ao territorio e aos seus elementos. Ademais, José González destacou que os primeiros serán os polígonos de Oímbra e Cualedro, ambos en Ourense.

O conselleiro sinalou tamén que no 2024 arrancarán as primeiras agrupacións de xestión conxunta, fundamentalmente ligadas ao sector forestal, e darase un impulso importante ás permutas de especial interese agrario, que facilitan moito o incremento do tamaño dos predios, salientou. Precisamente, as devanditas agrupacións de xestión conxunta favorecerán, segundo explicou González, o desenvolvemento do Programa de recuperación de soutos tradicionais, que tamén contribuirá a mobilizar terras. Así, o conselleiro destacou que no vindeiro ano se porán en marcha as obras de restauración dos pilotos de soutos en Parada de Sil, O Bolo, a Veiga -na provincia de Ourense- e O Incio e Paradela -na de Lugo-.

En relación coas aldeas modelo, o titular de Medio Rural explicou que xa se remataron os proxectos de ordenación produtiva destas figuras e que no 2024 xa estarán en funcionamento a totalidade das 21 declaradas ata o momento. Ademais, continuarase cos pilotos dos plans de dinamización dos núcleos de Trascastro (O Inicio), Osmo (Cenlle), O Penedo (Boborás) e Muimenta (Carballeda de Avia). Estes plans, indicou González, serán un instrumento urbanístico que permitirá rehabilitar estas aldeas do xeito máis áxil posible.

A maiores, outro anuncio feito hoxe polo conselleiro foi o da próxima posta en marcha dos primeiros espazos agrarios de experimentación de Galicia, empezando precisamente pola aldea de Muimenta. Nestes espazos, sinalou González, mozos emprendedores poderán desenvolver unha actividade hortícola e de gandaría en extensivo, así como de transformación dos produtos obtidos nas súas explotacións -con todas as garantías-.

Neste sentido, José González puxo en valor que en conxunto, todos estes instrumentos da Lei de recuperación fixeron posible a mobilización de arredor de 10.000 hectáreas de superficie en toda Galicia. Delas, subliñou, máis de 5.700 hectáreas na provincia de Ourense. Engadiu que estas ferramentas da lei, xunto coas parcelarias, teñen permitido mobilizar desde 2020 máis de 35.000 hectáreas en toda a comunidade galega, algo que cualificou como “un éxito absoluto”.

Ademais, o conselleiro falou da importancia de planificar o territorio con criterios de prevención de incendios. Neste eido, puxo tamén en valor a colaboración público-privada e máis concretamente a creación do fondo para a recuperación de terreos afectados por lumes ao que xa se sumou Inditex cunha achega de 9 millóns de euros. Engadiu que o obxectivo cara o futuro é mobilizar mediante esta iniciativa ata 18 millóns de euros, coa incorporación de novas empresas.

O conselleiro rematou a súa intervención reiterando a demanda ao Goberno do Estado para que poña en marcha unha lei que discrimine positivamente, dende o punto de vista fiscal, a todos os agricultores, gandeiros e silvicultores que coa súa xestión do territorio contribúen a defendelo fronte os incendios forestais.

Mesas redondas

Antes deste acto de clausura, nesta xornada de Boborás tiveron lugar varias mesas redondas sobre os polígonos agroforestais -coa participación do propio conselleiro e dos alcaldes de Leiro, Crecente, Cualedro e Oímbra- e arredor das aldeas modelo -coa intervención de Inés Santé e de gandeiros produtores de varios núcleos-. Tamén, sobre agrupacións de xestión conxunta e recuperación de soutos, coa intervención de José Luis Chan e de representantes do sector forestal. O programa da xornada completarase esta tarde cunha visita á explotación de porco silleiro na aldea modelo de O Penedo, no mesmo concello de Boborás.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/11/2023