O conselleiro do Medio Rural participou na entrega dos Premios Peme Ourense 2023, promovidos polo Banco Santander e a Cámara de Comercio

A Xunta pon de relevo o papel das pequenas e medianas empresas á hora de favorecer o desenvolvemento rural

José González resaltou a capacidade das pemes para adaptarse nos últimos anos ao futuro máis recente e seguir crecendo e consolidándose

Na súa intervención, falou da importancia da industria agroalimentaria de Galicia, ofrecendo ao medio rural oportunidades para o emprendemento

No vindeiro ano, o goberno galego contará con varias liñas de axuda para colaborar co sector primario, entre as que destacan os 44 millóns de euros para a instalación de pequenas explotacións e a incorporación de mozos e mozas á actividade agrogandeira

Ourense, 29 de novembro de 2023
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou hoxe na entrega dos Premios Peme Ourense promovidos polo Banco Santander e a Cámara de Comercio. O titular de Medio Rural, que foi o responsable de abrir este acto, destacou a capacidade de adaptación das pequenas e medianas empresas (pemes) de Ourense, igual que as do resto de Galicia, nos últimos anos ao futuro máis recente, o que lles permitirá seguir crecendo e consolidándose.

Na entrega dos premios puxo en valor o traballo das pemes recoñecidas nela e resaltou que contan co apoio da Xunta para medrar. Ademais, fixo fincapé en que sen rural, non hai industria, de aí a importancia da xestión da terra. Nesta liña, destacou a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e os seus instrumentos que, xunto coas concentracións parcelarias, permitiron mobilizar arredor de 35.000 hectáreas en toda a comunidade dende 2021, cando se puxo en marcha esta normativa.

Ademais, no senso da calidade dos produtos que se cultivas na terra, falou das posibilidades da Lei da calidade alimentaria de Galicia, actualmente en tramitación no Parlamento. Esta normativa busca conseguir que os produtores agroalimentarios galegos acaden unha nova dimensión no mercado, explicou o conselleiro.

Potente industria agroalimentaria

Na súa intervención, José González destacou a industria agroalimentaria “moi potente” coa que conta Galicia, recalcando as oportunidades que ofrece o medio rural e que favorecen tanto ao emprendemento como ao relevo xeracional.

Neste senso, sinalou a importancia de darlle o valor que posúe ao sector primario, o sustento dos demais sectores, segundo cualificou. Por iso, explicou que dende a Xunta apoian a continua reestruturación e modernización do agro, especialmente a través do cooperativismo.

O conselleiro recalcou o compromiso “inquebrantable” do goberno galego coa actividade agrogandeira e que se demostra en liñas de axuda, os investimentos en explotacións coñecidos como plans de mellora, á incorporación de persoas mozas á actividade e á instalación de pequenas explotacións. Sobre isto, explicou que se levan destinado achegas por máis de 500 millóns de euros desde 2009 -desde 2016 no caso das pequenas- aos que agora hai que sumarlle 44 millóns de euros máis no 2024.

Novas liñas de axudas

O conselleiro do Medio Rural aproveitou a súa intervención nestes premios para falar de tres novas liñas de axuda coas que contará Galicia no vindeiro ano. A primeira delas en materia de incorporación de novas persoas agricultoras de 41 a 55 anos -paralela ás de incorporación de mozos e mozas- cunha dotación de 3 millóns de euros.

A segunda liña será en favor do relevo xeracional, cunha achega de 500.000 euros para os agricultores que se xubilen e cedan a súa explotación ao Banco de Explotacións co obxectivo de asegurar ese relevo. Por último, falou dos investimentos non produtivos por valor de 2 millóns de euros, dirixidos ás explotacións agrarias. Estes centraranse na mellora da paisaxe rural tradicional e os seus elementos representativos, así como a conservación ou recuperación de especies relacionadas co medio agrario.

José González puxo de relevo a importancia de levar a cabo actividades que permitan, ademais de atraer á mocidade, de fomentar o relevo xeracional e de fixar poboación no rural, dinamizar a economía destes núcleos. Nesta liña, apuntou, as pemes teñen “gran responsabilidade”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/11/2023