Lete Lasa visita o pavillón municipal do Porriño que nos últimos anos mellorou o seu equipamento grazas ás axudas da Xunta

Neste mesmo ano, o Concello do Porriño recibiu unha axuda de 10.000 euros para a instalación dun videomarcador ao abeiro da orde de subvencións para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal e para a adquisición de material deportivo inventariable, da que resultaron beneficiarios o 66 % dos concellos galegos

Secretario xeral e alcalde visitaron as zonas de adestramento de dous dos clubs máis importantes do municipio -Porriño Baloncesto Base e Club Balonmán Porriño- que foron renovadas en 2022 grazas a orde de equipamento deportivo da Xunta de Galicia cunha axuda de máis de 11.000 euros

Compartir
  • whatsapp

O Porriño (Pontevedra), 29 de novembro de 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo, visitou o pavillón municipal do Porriño no que se instalará un videomarcador que contará cun orzamento total duns 18.000 euros, dos que a Xunta de Galicia financiará 10.000 euros ao abeiro da orde de subvencións para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal e para a adquisición de material deportivo inventariable. Ao abeiro desta axuda, que contou con dúas convocatorias, o 66 % dos municipios galegos víronse beneficiados por esta nova orde. Deste xeito foron repartidas 152 axudas para infraestruturas e 131 para equipamento entre os concellos de Galicia, cun investimento total de preto de 8 millóns de euros (preto de 6 millóns na primeira convocatoria e máis de 2 millóns na segunda).

Segundo informou o mandatario galego, O Porriño é un concello que conta cun gran apoio e fomento ao deporte base como demostran o medio centenar de entidades deportivas inscritas no Rexistro, moitas das cales -Balonmán Porriño, Baloncesto base Porriño, Patín Porriño, Ximnasia Rítmica Porriño, Kung Fu Porriño así como as Escolas deportivas municipais- adestran e compiten no pavillón municipal sumando uns 1.300 deportistas. Cómpre salientar que esta zona deportiva do Porriño está formada por dous pavillóns. En 2021, a Secretaría Xeral para o Deporte instalou, no de maior aforamento, unha pantalla led deportiva cun orzamento de 25.000 euros, sendo achegados 20.000 euros pola Xunta. Agora, a Xunta instalará un novo videomarcador no outro pavillón. Ademais, en 2022, a Secretaría Xeral para o Deporte sufragou o 80 % do acondicionamento dos vestiarios das pistas de tenis que contaron cun orzamento global de 48.400 euros. Tras a súa visita, o secretario xeral e o alcalde analizaron as posibilidades de realizar novas colaboracións que redunden na mellora do deporte porriñés.

Do mesmo xeito, secretario xeral e alcalde visitaron as zonas de adestramento de dous dos clubs máis importantes do municipio -Porriño Baloncesto Base e Club Balonmán Porriño- que foron renovadas en 2022 grazas a orde de equipamento deportivo da Xunta de Galicia. Ambos clubs adquiriron material de ximnasio por valor de 12.700 euros e 1.520 euros respectivamente, sendo achegado pola Secretaría Xeral para o Deporte o 80 % do investimento (más de 11.000 euros). Nesta convocatoria tamén resultaron beneficiarias outras entidades do Porriño como a Asociación Deportiva A Forna de orientación (cunha achega de 5.000 euros); a Asociación Deportiva Avanza de ciclismo (10.000 euros); Club Polideportivo Aceesca de deporte adaptado (6.000 euros); e o Máster da Louriña de ciclismo (10.000 euros).

Cómpre salientar neste 2023 as tres novas ordes plurianuais para instalacións deportivas que a Xunta puxo en funcionamento e que xa foron resoltas. Ademais das dúas convocatorias da orde para concellos tamén se puxo en marcha a orde para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora das instalacións de entidades deportivas cun orzamento de preto de 1,3 millóns de euros (sendo executados neste 2023, 600.000 euros). Con todo, o Goberno galego destina neste 2023 preto de 22 millóns de euros para a construción e mellora de instalacións deportivas, o que representa o 50 % de todo o orzamento histórico da Secretaría Xeral para o Deporte da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que neste exercicio acada máis de 44 millóns de euros e que de cara a 2024 volverá ascender ata os 56 millóns de euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/11/2023