Galicia Calidade salienta a excelencia das plantas e flores da empresa de Boqueixón Viveiros Compostela

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, entregou a nova sinalización que acredita co selo de garantía a esta compañía, aliñada co compromiso respectuoso do entorno e o coidado das materias primas

Compartir
  • whatsapp

Boqueixón (A Coruña), 30 de novembro de 2023

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, entregou hoxe a nova sinalización coa que se identifica ás empresas adheridas aos responsables de Viveiros Compostela, compañía que conta co selo de garantía pola calidade das flores e plantas que producen nas súas instalacións de Boqueixón.

Nesta xuntanza, a responsable de Galicia Calidade, organismo dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación, destacou o traballo diario que realizan en Viveiros Compostela, unha empresa familiar fundada no ano 1985 que conta cunhas instalacións de máis de 30.000 m2 cuxa principal actividade é a produción e a distribución propia das súas flores e plantas a outros centros de xardinería, tendas agrícolas, florerías... Dentro da gran variedade de plantas e flores que distribúen no viveiro cabe destacar as poinsettias, plantas que terminan en floración e que se coñecen popularmente como a Flor de Nadal.

Ana Méndez sinalou que a filosofía de traballo que desenvolve a compañía vai en liña cos valores da sustentabilidade e o compromiso respectuoso co entorno que segue Galicia Calidade e que se reflicte na nova sinalización coa que se identifica ás empresas adheridas.

Galicia Calidade é a marca de garantía que certifica a calidade dos produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima ou deseño galegos, merezan esta distinción. Na actualidade conta con máis de 150 empresas adheridas, con máis de 780 produtos ou servizos avalados co selo de garantía, que engloban aos sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/11/2023