O consorcio Casco Vello de Vigo investirá 1,4 millóns na rehabilitación de Elduayen 31 para construír seis vivendas de protección autonómica

A delegada territorial da Xunta e presidenta do organismo autónomo, Ana Ortiz, visitou este xoves os traballos de reforma do edificio

“Continuamos traballando para recuperar o noso barrio histórico e para ofertar á cidadanía viguesa vivendas de promoción”, sinalou Ortiz

Compartir
  • whatsapp

Vigo, 30 de novembro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ana Ortiz, visitou este xoves os traballos de rehabilitación que se retomaron no edificio Elduayen 31 tras o desbloqueo por parte do Concello de Vigo do Plan de Actuación, Investimentos e Financiamento (PAIF).

“Continuamos traballando para recuperar o noso barrio histórico e para ofertar á cidadanía viguesa vivendas de promoción autonómica a prezos módicos”, sinalou Ortiz. A presidenta do CCVV sinalou tamén que “de forma inmediata á aprobación do PAIF puxemos en marcha as obras que estaban paralizadas”.

A representante autonómica apuntou que o organismo, participado nun 90% pola Xunta de Galicia, investirá un total de 1,4 millóns nesta reforma, sumando a compra do inmoble e a adxudicación dos traballos. Esta última actuación, que afecta á edificación con saída á rúa Ferrería, suporá a construción de 6 novas vivendas, de dous e tres dormitorios, e dun local comercial.

Os condicionantes urbanísticos do solar, de 182,74 metros cadrados, recollidos no Plan Especial de Reforma Interior (PERI) do Casco Vello, implicaron a necesidade de manter o patio interior e, en consecuencia, a reformulación do proxecto inicial. Deste modo, aínda que funcionarán coma unha comunidade única, unida pola planta baixa, manteranse na práctica dous edificios; un con fachada cara a rúa Elduayen de cinco plantas e o outro a Ferrería de tres.

Seis promocións con 22 vivendas

O Consorcio Casco Vello, cuxo principal obxectivo é a rehabilitación do barrio histórico de Vigo, conta cunha partida total de 1.780.065 euros tras o desbloqueo do PAIF do próximo exercicio 2024. Desta cantidade máis do 87% teñen a consideración de investimento directo xa que se destinan á execución das obras de rehabilitación das vivendas propiedade do CCVV, correspondendo o resto a gastos operativos.

Ademais, a cifra de investimento pode incrementarse en 1,3 millóns de euros no caso de que se aprobase a aplicación de fondos de remanentes. Ademais da mencionada reforma de Elduayen, o PAIF 2024 contempla investimentos na rehabilitación de outros cinco edificios (Ribeira do Berbés, 39; Subida ao Castelo, 9; Elduayen, 39-Ferrería, 16; Hortas, 2-4-San Sebastián, 20 e Rúa Alta, 8-14) o que permitirá crear un total de 22 novas vivendas de protección autonómica.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/11/2023