A Xunta pon en valor en Futurgal as case mil persoas atendidas pola Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego para xerar riqueza e fixar poboación

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou en Ourense no ‘Futurgal Summit 2023’, onde salientou que a Rede de polos foi destacada como boa práctica pola Unión Europea de cara á súa réplica noutras rexións

Lembrou que os Polos activos son xa 12 en toda Galicia, tras a inauguración esta semana do centro do Porriño

Na provincia de Ourense, contan cos Polos do Carballiño, O Barco de Valdeorras e Verín, aos que se sumará outro en Baños de Molgas

Ourense, 30 de novembro de 2023
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada do secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, e do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou hoxe no Futurgal Summit 2023 facendo balance da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta de Galicia, que acadou esta semana os 12 centros activos -tras a inauguración do do Porriño- e que ten asesorado no conxunto de Galicia a arredor de 900 persoas, unhas 200 delas na provincia de Ourense.

Nese senso, os tres polos en marcha do Carballiño, O Barco de Valdeorras e Verín -aos que se sumará outro en Baños de Molgas- teñen atendido arredor de 200 proxectos (o 58 % deles de mulleres). Predominan as iniciativas do sector servizos, da hostalería, do comercio e as relativas a agricultura, gandería, silvicultura e pesca; mostra da relevancia da Rede no rural.

Durante a súa intervención, a conselleira salientou que os Polos de emprendemento foron destacados -na súa recente visita a Bruxelas, pero tamén antes, cando o eurocomisario de Emprego estivo no centro de Silleda- como boa práctica de cara á súa réplica noutras rexións da Unión. Elena Rivo puxo en valor que a Rede de polos xorde para ofrecer un acompañamento continuado das persoas emprendedoras en cada unha das fases polas que vaian pasando os seus proxectos, axudándoas a determinar se os negocios responden ás demandas do mercado en xeral e da contorna na que se queren situar en particular.

 Coa Rede de polos, segundo explicou, conséguese avanzar así en varios obxectivos: casar os novos negocios e a xestión da busca de emprego coa realidade demográfica e social da nosa Comunidade -e de cada comarca-, dinamizar o mercado de traballo buscando a interacción entre os ámbitos rurais e urbanos e fixar poboación no territorio.

Cómpre engadir que, tras a intervención da conselleira, teñen lugar esta tarde en Futurgal relatorios sobre emprendemento. Tamén unha mesa redonda, moderada polo secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, sobre emprendemento no rural con tecnoloxía, amosando experiencias en primeira persoa dos representantes de catro empresas. 

Orzamentos 2024

O orzamento para darlle un pulo ao emprendemento increméntase nun 51,6 % o ano que vén con respecto a este 2023, ata acadar os 30,6 millóns de euros. Dentro dese importe, inclúese 2,72 millóns para o mantemento dos Polos e 7 millóns en axudas para proxectos postos en marcha ao abeiro da Rede.

Así mesmo, cabe destacar os 10,5 millóns de euros de axudas para apoiar o inicio e a consolidación de iniciativas de emprendemento; os 2,2 millóns para a posta en marcha do Centro de Orientación, Emprendemento, Acompañamento e Innovación para o Emprego; 1,8 millóns para unha bolsa de substitución de negocios que garanta a remuda xeracional e a continuidade das empresas e case 1 millón para actuacións con entidades de cara ao fomento do emprendemento. Así mesmo, implementarase a Estratexia galega de emprendemento, cun impulso coordinado con todos os axentes implicados.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/11/2023