A Xunta cualifica o Centro Especial de Emprego de Stellantis Vigo en beneficio de preto dunha vintena de traballadores con discapacidade

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén de inscribir a iniciativa da factoría automobilística no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, do que forman parte xa 129 entidades

Os centros especiais de emprego buscan proporcionar ás persoas traballadoras con discapacidade a realización dun traballo produtivo e remunerado con servizos de axuste persoal e social e facilitar a súa integración no mercado laboral ordinario

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2023
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén de cualificar o Centro Especial de Emprego (CEE) da factoría viguesa da compañía automobilística Stellantis, co gallo de  favorecer a integración laboral das persoas con discapacidade. Así, quedou inscrito no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, do que forman parte xa 129 entidades.

En concreto, no CEE están dadas inicialmente de alta 16 persoas traballadoras, a maior parte con discapacidade física pero tamén de carácter psíquico, intelectual ou sensorial. O obxectivo apuntado pola empresa á hora de solicitar a autorización para a creación do Centro Especial de Emprego foi o de descubrir as capacidades de cada persoa traballadora, fomentando a súa autonomía sen renunciar á competitividade no mercado. Tamén o de asegurar o benestar do persoal que diariamente contribúe co seu traballo ao desenvolvemento da fábrica.

Nese senso, o CEE parte non só coa finalidade de favorecer a integración laboral das persoas con discapacidade na empresa, senón tamén co afán de brindar a oportunidade de reciclarse ás que rematasen unha etapa na súa vida laboral e comecen outra no CEE, favorecendo a integración plena en Stellantis Vigo.

O Centro Especial de Emprego, ao igual que a factoría viguesa, desenvolve actividades de montaxe de vehículos, complementando así a actividade principal que é a fabricación de vehículos a motor. Ao estar ubicado dentro das instalacións, realizará actividades en diferentes talleres. 

Con esta iniciativa, o Goberno galego está a favorecer a integración laboral de persoas con discapacidade no sistema produtivo, constituíndo unha saída para exercer o seu dereito ao traballo remunerado mediante un mecanismo que pode servir de tránsito ao seu paso ao mercado laboral ordinario.  

Data de actualización: 01/12/2023