Rivo salienta que a aposta pola responsabilidade social empresarial cimenta un futuro sustentable da man de empresas responsables

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, inaugurou hoxe o acto de entrega do selo ás empresas que participaron na 3ª edición do programa Responsabilízate co que a Xunta apoia ás pemes a implantar a RSE na súa xestión

Un total de 200 pequenas e medianas empresas tomaron parte na iniciativa e na actualidade xa está aberto o prazo para inscribirse á 4ª convocatoria

A Xunta está a desenvolver unha nova Estratexia de RSE para promover espazos de traballo igualitarios e comprometidos socialmente
 

A nova Lei de igualdade regula o concepto do benestar laboral para acadar contornas de traballo xustas e responsables

Vedra (A Coruña), 1 de decembro de 2023

Un total de 200 pemes acaban de recibir o selo en Responsabilidade Social Empresarial (RSE) que outorga a Xunta, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, ás compañías que participan no programa Responsabilízate que cumpre a súa terceira edición. A titular do departamento autonómico, Elena Rivo, inaugurou hoxe o acto de entrega destes certificados –no que tamén participou a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha- e puxo en valor esta iniciativa coa que se ofrece asesoramento gratuíto para avanzar na cultura da sustentabilidade.

Responsabilízate axuda a implantar medidas medioambientais, sociais e de gobernanza. Persegue a abordaxe integral dos aspectos ASG (aspectos medioambientais, sociais e de goberno corporativo) na empresa e, así, as entidades beneficiarias reciben asesoramento experto, formación, o un plan de acción para implantar medidas.

Rivo destacou que o futuro empresarial reside na implementación de xestións responsables socialmente e que avoguen por valores como a equidade, a igualdade, a xustiza, a honestidade ou a integridade. Indicou que a aposta pola RSE xera un impacto positivo na sociedade a instou ao tecido empresarial e ás administracións a aplicar a RSE para cimentar un futuro sustentable.

A Xunta foi pioneira nesta materia en 2012 cando aprobou o primeiro plan en RSE. Na actualidade, o Goberno galego está a executar unha nova Estratexia de RSE para promover espazos de traballo igualitarios. A planificación quintuplica a súa dotación orzamentaria, ata os 174 millóns de euros, para atraer e reter talento. A Xunta busca que esta iniciativa sirva de motor para que todos os axentes públicos e privados dispoñan dun marco de referencia para avanzar no camiño da RSE.

Rivo, ademais, referiuse á nova Lei de igualdade, que se aprobou a semana pasada no Parlmanto de Galicia, que regula conceptos que están vinculados á RSE como é o benestar laboral. “Queremos forxar unha sociedade máis igualitaria, equitativa e xusta e isto se consegue promovendo espazos de traballo responsables e comprometidos”, engadiu. Para a conselleira de Promoción do Emprego, a RSE é unha necesidade para garantir un futuro sustentable e unha maneira de construír unha sociedade máis igualitaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/12/2023