A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o rexedor mantiveron unha reunión para abordar asuntos de interese municipal

A Xunta licitará nos vindeiros meses a rehabilitación de catro dos inmobles adquiridos en Ribadavia no marco do Programa Rexurbe

Ángeles Vázquez ofrece ao concello o apoio e asesoramento do IGVS para avanzar no borrador Plan de dinamización da Área Rexurbe, co fin de axilizar a súa aprobación

Avanza que a partir do primeiro trimestre de 2024 se porá á disposición dos empresarios da zona as parcelas aínda dispoñibles no polígono industrial

 

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2023
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia licitará nos vindeiros meses as obras de rehabilitación de catro dos inmobles adquiridos en Ribadavia polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) no marco do programa Rexurbe. Así llo trasladou a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao rexedor municipal, César Fernández, con quen mantivo unha reunión recentemente para abordar este e outros asuntos de interese municipal.

Dos 8 edificios propiedade da Xunta neste municipio, a responsable autonómica indicoulle que, en concreto, os primeiros en ser rehabilitados serán os inmobles localizados en Cervantes 16 e Cervantes 16-A, praza de San Xoán 3 e praza García Boente 1, mentres que no caso dos outros 4 adquiridos polo IGVS ao abeiro do Rexurbe está previsto tamén que o próximo ano se licite a redacción dos proxectos.

A tal fin, a vicepresidenta indicoulle que os orzamentos do seu departamento para 2024 inclúen unha partida de 568.870 euros para impulsar en Ribadavia as actuacións necesarias para recuperar os edificios adquiridos pola Xunta nos últimos anos e destinar as vivendas resultantes a alugueiro social.

Por outra banda, tamén abordaron na reunión o estado de redacción do Plan de dinamización da Área Rexurbe do municipio, do que o alcalde lle confirmou que xa conta cun primeiro borrador. Neste sentido, Vázquez Mejuto ofreceu ao concello o apoio e asesoramento do IGVS, que, como recordou, elaborou no seu día un documento modelo co fin de poñelo á disposición dos municipios galegos que contan con esta figura.

De feito, indicou que técnicos da Xunta e do concello de Ribadavia xa mantiveron contactos para avanzar no documento definitivo e resolver algunhas dúbidas relativas ao seu contido, co obxectivo común de axilizar o máximo posible a súa aprobación.

Noutra orde de cuestións, a vicepresidenta e o alcalde abordaron tamén as necesidades municipais en materia de solo empresarial. En concreto, Ángeles Vázquez comprometeuse a que a partir do primeiro trimestre de 2024 se porá á disposición dos empresarios da zona as parcelas que aínda están dispoñibles nas dúas primeiras fases do polígono industrial de Ribadavia.

En todo caso, acordaron estudar a posibilidade de incrementar a superficie da actual área empresarial mediante o desenvolvemento dunha nova ampliación, na que podería colaborar a Xunta.

 
Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/12/2023