Así o trasladou de novo hoxe o conselleiro do Medio Rural, na súa visita á poxa de gando frisón no marco da Semana Gandeira de Mazaricos

A Xunta insiste en demandar unha reforma fiscal que discrimine de forma positiva aos agricultores, gandeiros e silvicultores como xestores do territorio

José González anunciou que o Goberno galego habilitará o vindeiro ano un servizo de asesoramento fiscal e de organización empresarial aconsellando aos produtores con expertos na materia a mellor fórmula para reducir a súa carga tributaria dentro da lei

Avanzou tamén que a Xunta convocará de novo no 2024 as axudas para certames de gando bovino selecto como este de Mazaricos, por importe de 200.000 euros

Subliñou o esforzo da Xunta en materia de control do rendemento leiteiro e lembrou que se van destinar 750.000 euros ás axudas para este fin, co obxectivo de propiciar unha maior eficiencia produtiva do sector e favorecer a súa sustentabilidade

Mazaricos (A Coruña, 3 de decembro de 2023)
Compartir
  • whatsapp

A Xunta insiste en reclamar á Administración Xeral do Estado unha reforma fiscal que discrimine positivamente aos agricultores, gandeiros e silvicultores para compensar o seu labor de xestores do territorio rural. Así o reiterou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, durante a súa visita á poxa de gando frisón no marco da Semana Gandeira de Mazaricos, na que estivo acompañado polo alcalde desta localidade, Juan José Blanco Riveiro. Esta demanda vai na mesma liña que o trasladado recentemente por carta desde o Goberno galego ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas. Trátase, segundo sinalou González, de primar ese traballo dos produtores primarios na xestión territorial, como un servizo á sociedade no seu conxunto, facilitándolles vantaxes fiscais que favorezan a rendibilidade das súas explotacións.

 

Nesta liña, o conselleiro avanzou tamén que a Xunta, dentro das súas competencias nesta materia, habilitará o vindeiro ano un servizo de asesoramento fiscal e de organización empresarial aconsellando aos produtores, con expertos na materia, a mellor fórmula para reducir a súa carga tributaria, sempre dentro da legalidade.

 

Axudas para certames de gando bovino

Por outra banda, o titular de Medio Rural confirmou tamén que o Goberno galego convocará nas próximas semanas as axudas para apoiar a realización de certames de gando bovino selecto na nosa comunidade. O conselleiro explicou que a dotación destas subvencións, dirixidas aos concellos que organicen este tipo de certames, será de novo de 200.000 euros e que están enfocadas a impulsar a celebración dunha rede de eventos en diferentes puntos da xeografía galega cunha periodicidade acorde á oferta de animais, incluíndo poxas e concursos oficiais como este de Mazaricos. Nesta liña, José González enmarcou estas axudas no compromiso da Xunta a prol do lácteo. Unha aposta que -salientou- se materializa con feitos, como a Estratexia de dinamización do sector, que cualificou como “clave para garantir a súa sustentabilidade e a estabilidade no funcionamento da cadea de valor e, sobre todo, nos prezos do leite”. Neste mesmo sentido, puxo en valor a aplicación informática Contaláctea, creada ao abeiro da Estratexia. Así, lembrou que esta ferramenta permite aos gandeiros calcular con precisión os seus custos de produción e, en consecuencia, saber a que prezo teñen que vender o seu leite para manter a rendibilidade das súas explotacións. Por iso -engadiu o conselleiro- a Xunta está insistindo ao Ministerio de Agricultura para que se acredite este instrumento como medio fiable do cálculo dos custos de produción, válido nas negociacións dos contratos.

 

Control leiteiro

Neste contexto, o conselleiro subliñou, así mesmo, o esforzo da Xunta en materia de control do rendemento leiteiro e lembrou que o Consello do Goberno galego autorizou na súa última xuntanza destinar 750.000 euros ás axudas para esta finalidade, que procuran -destacou- unha maior eficiencia produtiva do sector e favorecen a súa sustentabilidade.

 

Outra das liñas de apoio a este eido produtivo destacadas polo conselleiro é a que ten que ver coas axudas para o fomento da actividade. Neste contexto, González referiuse aos máis de 83 millóns de euros destinados polo seu departamento nos orzamentos de 2024 para accións que permitan afondar na competitividade do sector e na remuda xeracional, como as partidas para apoiar investimentos en explotacións, incorporación de mozos e a instalación de pequenas explotacións.

 

A mobilización de terras, que facilita o incremento da base territorial das explotacións, e a aposta pola mellora da cabana gandeira foron tamén sinaladas polo titular de Medio Rural. En relación con este último aspecto, remarcou o esforzo na loita contra doenzas como a lingua azul e recordou que o Goberno galego liderou, a nivel nacional, a resposta fronte esta enfermidade, cun investimento de 2,4 millóns de euros para vacinar 360.000 animais. Un traballo que -trasladou- continuará no 2024. Sobre outra doenza que tamén afecta ao gando vacún -a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE)-, lembrou que a Xunta segue reclamando ao Goberno Central que coordine, como lle corresponde, a resposta nacional ante a súa extensión por todo o territorio español.

 

Por outra banda, José González puxo tamén en valor o recoñecemento constante, por parte da Xunta, ao papel protagonista dos gandeiros na cadea de valor do leite. Neste sentido, lembrou que este pasado venres se entregaron os galardóns da sétima edición dos premios Exceleite á excelencia hixiénico-sanitaria das explotacións de leite cru de vaca, no que se enxalzou o esforzo dos gandeiros neste eido.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/12/2023