A Xunta entrega un desfibrilador para a agrupación de Protección Civil de Cervantes

Compartir
  • whatsapp

Lugo, 4 de decembro de 2023

A Xunta entregou hoxe un desfibrilador externo semiautomático (DESA) destinado á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) do concello de Cervantes. O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, fixo entrega do equipamento ao alcalde, Benigno Gómez.

O material inclúe un desfibrilador externo cun mínimo de dous xogos de parches de eléctrodos, un xogo de dúas baterías, cable de conexión a porto USB, kit de reanimación cardio-pulmonar e mochila impermeable. A Xunta dota así ás AVPC dun recurso para actuar dunha maneira coordinada cos profesionais do 061, conseguindo gañar tempo na atención ante unha parada cardíaca, ao intentar que o paciente aguante á chegada dos servizos profesionais.

Ademais de subministrar equipamento, Arias destacou que a Xunta tamén impulsa un plan de formación continuo de emerxencias a través da Academia Galega de Seguridade Pública. No que se refire ao manexo dos desfibriladores, nos últimos dous anos convocáronse dez cursos na provincia, nos concellos de Cervantes, Taboada, Lugo, Mondoñedo, O Incio, O Saviñao, O Vicedo, Riotorto e Vilalba.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/12/2023