A Xunta impulsa a remuda xeracional no oficio tradicional da olería de Buño

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta tarde un curso de formación impulsado pola Administración autonómica no que participan tanto oleiros profesionais como novos emprendedores con formación en cerámica

Esta iniciativa enmárcase nun proxecto máis amplo dirixido a renovar e a conservar técnicas e oficios tradicionais co obxectivo de mellorar a capacitación dos artesáns galegos e a captar novos talentos para o sector

Nesta última parte do ano puxéronse en marcha outros seis cursos enfocados no tecido tradicional, na ourivería compostelá, na xastrería e na pasamanería

 

Malpica de Bergantiños (A Coruña), 4 de decembro de 2023

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta tarde o curso de formación especializada Formas tradicionais da olería de Buño, que imparte o oleiro Antonio Pereira “O Rulo” en Buño (Malpica de Bergantiños), co obxectivo de transmitirlle a outros profesionais do sector o oficio da olería tradicional desta localidade da Costa da Morte, que é un dos catro centros de olería tradicional aínda activos en Galicia e o que conta tamén cun maior número de oleiros profesionais.

O curso desenvólvese desde o pasado 27 de novembro na Casa do Oleiro de Buño, e continuará en diferentes xornadas ata o 15 de abril. O obxectivo é transmitir e recuperar as técnicas empregadas na elaboración das distintas tipoloxías das pezas tradicionais da olería de Buño, atendendo á súa diversidade de formas, tamaños e remates (bordes, riscos, vivos, espitados, asas...).

Esta iniciativa enmárcase no proxecto Aprender da tradición. Oficios e técnicas, un programa formativo impulsado pola Xunta a través da Fundación Artesanía de Galicia, como un incentivo que permita asegurar a remuda xeracional naqueles oficios e técnicas máis tradicionais. Precisamente unha das liñas estratéxicas da Xunta en materia de artesanía é preservar o patrimonio cultural e promover o desenvolvemento económico e a sustentabilidade de oficios, técnicas e coñecementos ancestrais transmitíndollelos ás xeracións futuras.

Os obxectivos específicos do programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas son capacitar os artesáns e expertos en oficios artesanais para que poidan transmitir os seus coñecementos; facilitar a formación de novas xeracións interesadas en aprender estes oficios e técnicas; fomentar a comercialización de produtos elaborados por artesáns locais e sensibilizar a comunidade sobre a importancia da conservación dos oficios tradicionais.

Programa de formación

No marco do proxecto Aprender da tradición. Oficios e técnicas, a Fundación Artesanía de Galicia puxo en marcha nesta última parte do ano outros seis cursos de formación enfocados no tecido tradicional, na ourivería compostelá, na xastrería e na pasamanería.

No mes de novembro, realizáronse en Santiago de Compostela dous cursos dedicados a dúas das técnicas máis representativas da ourivería compostelá como son a filigrana e o acibeche. O ourive Ricardo Rivas, Premio Traxectoria nos Premios Artesanía de Galicia 2020, impartiu un curso de Iniciación á talla do acibeche dirixido a profesores e ex-alumnos da EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela; e a ourive Susi Gesto impartiu no seu taller o curso Paseo pola ourivería compostelá. Técnica da filigrana.

O curso de Xastrería artesanal. Execución dunha chaqueta de traxe, impartida polos xastres Fernando Freire e Ramón Lareo, desenvolverase en Santiago de Compostela ata finais do mes de abril de 2024, co obxectivo de transmitirlles aos participantes as claves dun oficio de gran relevancia no sector téxtil.

En canto ao tecido tradicional, o pasado mes de novembro tivo lugar o curso Iniciación ao picote, impartido polo obradoiro Pal.lium no seu taller do Hío (Cangas), e entre decembro e xaneiro desenvolverase o curso Ligamentos tradicionais de toalla e mantelería, para o que están abertas aínda as inscricións na páxina web da Fundación Artesanía de Galicia.

Entre os meses de decembro e febreiro, desenvolverase en Gondomar o curso Técnicas de pasamanería, un elemento fundamental no traxe tradicional galego con múltiples aplicacións na artesanía contemporánea. O encargado de dirixir esta formación especializada será o artesán Rafael González Goyanes e as inscricións están tamén abertas na páxina web da Fundación Artesanía de Galicia.  

No ano 2024, está previsto incrementar o número de actividades formativas especializadas en técnicas tradicionais vinculadas a diferentes oficios co obxectivo de ampliar o abano de oficios tradicionais nos que asegurar o relevo xeracional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/12/2023