A Xunta eleva ata os 11,8 M€ as axudas dos programas integrados de emprego co obxectivo de mellorar as oportunidades laborais de 5.500 persoas sen traballo

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se incrementa o orzamento destes programas nun 15 % para a convocatoria 2023-2024: case 1,6 millóns de euros de suba cos que 600 persoas máis poderán aumentar a súa empregabilidade

Os apoios autonómicos permitirán desenvolver 55 proxectos, 34 deles en entidades sen ánimo de lucro e 21 en concellos

Cada acción contará con 100 participantes coa esixencia de que polo menos o 35 % accedan ao mercado laboral durante a duración do proxecto

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2023
Compartir
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se eleva un 15 % -ata os 11,8 millóns de euros- o orzamento das axudas destinadas á realización de programas integrados de emprego (PIE) en entidades sen ánimo de lucro e concellos cos que se melloran as oportunidades laborais das persoas sen traballo. Así, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinará á convocatoria 2023-2024 case 1,6 millóns máis, que permitirá que 600 persoas máis sen emprego poidan acceder a estes programas.

En total, a previsión da Xunta de Galicia é que se desenvolverán 55 proxectos, 34 deles en entidades sen ánimo de lucro e 21 en concellos, nos que poderán participar unhas 5.500 persoas desempregadas.

Como en anteriores convocatorias, resérvanse dous millóns de euros do global do presuposto para o financiamento de programas dirixidos exclusivamente a mulleres desempregadas, co obxecto de que reciban atención específica para a súa incorporación ao mercado laboral.

En concreto, en cada un destes programas tomarán parte 100 persoas desempregadas, ás que se lles ofrece unha formación para o emprego e a posibilidade de realización de prácticas profesionais non laborais en empresas (teñen que realizar estas prácticas un mínimo de 15 persoas) en consonancia co contido teórico-práctico das accións formativas. Ademais, polo menos o 35 % das persoas participantes teñen que ser inseridas no mercado laboral durante a duración do proxecto, ben por conta allea, por conta propia (inicio dunha actividade no mesmo prazo ou nos tres meses posteriores a esta formación), ou como socios/as traballadores/as dunha cooperativa ou sociedade laboral por un tempo non menor de seis meses.

Estes programas, en xeral, melloran a empregabilidade das persoas que toman parte neles, ofrecéndolles unha formación para o emprego teórico práctica de calidade, da man de especialistas. O alumnado, durante todo o proceso, recibe orientación, asesoramento e información profesional e formación empresarial, para o que as entidades promotoras dos proxectos contarán co persoal ao efecto.

A Administración autonómica, así mesmo, ofrece bolsas para incentivar a asistencia dos demandantes de emprego a estas accións que, na presente anualidade, elevan o seu importe dos 7 euros aos 10 euros por día. Tamén asume a Xunta de Galicia os custos salariais do persoal necesario para impartir os PIE, así como de desprazamento de dito persoal e gastos materiais e equipamentos técnicos, entre outros.

A Xunta fixa como destinatarias prioritarias dos programas, entre outros colectivos, as persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, menores de 30 anos, maiores de 45, mulleres, inmigrantes, persoas en paro de longa duración e desempregadas como consecuencia dun expediente de regulación de emprego de carácter extintivo presentado nos 12 meses anteriores.

A actuación enmárcase no Plan galego de formación para o emprego ao que o Goberno autonómico destinará en 2024 un 12,9 % máis de orzamento, ata chegar aos 117 millóns de euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/12/2023