A conselleira de Política Social e Xuventude mantivo un encontro con dous beneficiarios desta prestación para trasladarlle as súas novidades

Fabiola García lembra que as persoas con dependencia atendidas nos seus fogares recibirán de xeito automático o novo Bono Coidado no Fogar

A partir do próximo mes de xaneiro, todas estas persoas recibirán unha axuda económica de 5000 euros ao ano independentemente da súa idade, grao de dependencia ou situación económica

Aquelas persoas sen dependencia recoñecida ou que perciban outra prestación, poderán solicitar esta nova axuda nos servizos sociais comunitarios

Máis de 20.000 galegos recibirán o vindeiro ano esta axuda á que o Goberno galego destina un orzamento de 100 millóns de euros

Teo (A Coruña), 10 de decembro de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, mantivo esta mañá un encontro con dous beneficiarios do Bono Coidado no Fogar para trasladarlle as novidades desta prestación. Durante o encontro, fixo fincapé en que aquelas persoas con dependencia recoñecida e atendidas nas súas casas non terán que realizar ningún trámite para percibir esta axuda de 5.000 euros ao ano, xa que terá carácter automático.  

Fabiola García lembrou que estas axudas non están dirixidas unicamente ás persoas maiores, senón a todas as persoas con dependencia independentemente da súa idade, grao de dependencia ou situación económica. O próximo ano recibirán esta axuda 20.000 familias galegas e o Goberno galego destinará para a súa posta en marcha máis de 100 millóns de euros. As persoas que non teñen recoñecida a dependencia ou que perciben outra axuda e queren cambiarse, poderán facelo acudindo os servizos sociais comunitarios.  

A conselleira destacou que a Xunta apoia ás persoas con dependencia a realizar o seu proxecto de vida alí onde prefiren ao tempo que están ben atendidos. Para facelo posible, refórzase cada ano o investimento no Servizo de Axuda no Fogar, que atende a 26.000 galegos nas súas casas; estase a mellorar o servizo de Teleasistencia, para poñer os avances tecnolóxicos ao servizo destas persoas; e como estas axudas económicas para o coidado no fogar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/12/2023