Cetmar lidera un novo proxecto europeo para reducir a emisión de microplásticos e contaminantes ao medio mariño nas augas entre Galicia e o norte de Portugal

Os socios de BlueWWater traballarán os vindeiros tres anos cara á mellora da calidade das masas de auga fluviais, de transición e costeiras galaico-lusas

Cun presuposto de 1,3 millóns de euros, BlueWWater está financiado pola Unión Europea a través do programa de Cooperación Transfronteiriza Poctep

Coordinada polo Cetmar, na iniciativa participan o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño-Intecmar, a Universidade de Santiago, o Centro Tecnolóxico da Auga-Cetaqua e o Instituto Español de Oceanografía-CSIC

O consorcio conta ademais co apoio de Augas de Galicia e da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil
 

Vigo, 21 de decembro de 2023

A mellora da calidade das masas de auga fluviais, de transición e costeiras de Galicia e Norte de Portugal por medio do control, seguimento e avaliación das emisións de microplásticos e dos denominados contaminantes emerxentes ao medio acuático é o obxectivo fundamental do proxecto europeo BlueWWater, unha iniciativa que, liderada polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, botou a andar coa reunión de lanzamento celebrada este mércores na sede da institución galega en Vigo.

Cun presuposto que supera os 1,3 millóns de euros e financiado polo Programa de Cooperación Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal-Poctep, o consorcio BlueWWater traballará os vindeiros tres anos no estudio da eficiencia das estacións de tratamento das augas residuais urbanas en ambas rexións, e do risco ambiental dos contaminantes citados, co gallo de garantir un uso sostible dos recursos hídricos e, paralelamente, contribuír á aplicación da normativa comunitaria nesta materia.

O proxecto pretende servir de apoio ás administracións no cumprimento dos obxectivos medioambientais establecidos pola Directiva de Tratamento de Augas Residuais Urbanas e pola Directiva Marco da Auga. Para elo está previsto o desenvolvemento e optimización de metodoloxías que faciliten a detección e seguimento dos contaminantes nas masas de auga, metodoloxías que serán validadas nun exercicio de validación interlaboratorios.

A maiores, BlueWWater ten previsto estudiar o risco ambiental dos contaminantes obxecto do proxecto, así como avaliar a eficacia dunha selección de estacións de augas residuais urbanas en Galicia e Norte de Portugal e de tratamentos terciarios/cuaternarios implementados en estacións piloto a ambos lados da fronteira, así como o potencial de reutilización das augas tratadas para fins agrícolas.

Finalmente, o consorcio conformado por once institucións galegas e lusas consolidará a Rede Nor-Water, posta en marcha nun proxecto europeo anterior do mesmo nome, e que busca constituír un foro de colaboración multidisciplinar público-privada na temática dos contaminantes emerxentes. A través da devandita rede, promoverase a colaboración transfronteiriza dos actores relacionados coa xestión da calidade de augas e favorecerá o intercambio de coñecemento nesta área de cooperación.

A sensibilización e educación ambiental da comunidade escolar e do público en xeral acerca dos riscos dos contaminantes emerxentes e dos microplásticos completan a axenda deste proxecto europeo, que pretende así promover un cambio de actitude e de hábitos na sociedade neste ámbito.

Xunto ao Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, que coordina a iniciativa, forman parte do consorcio BlueWWater o Intecmar, a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Centro Galega de Investigacións do Auga-Cetaqua Galicia e o Instituto Español de Oceanografía. Na parte portuguesa están representadas as facultades de Enxeñería e de Ciencias da Universidade de Porto, o Centro Interdisciplinar de Investigaçao Marinha e Ambiental-Ciimar, Águas e Energia do Porto E.M, e os municipios de Vilanova de Cerveira e Viana do Castelo.

O consorcio conta ademais co apoio dun panel consultivo do que forman parte Augas de Galicia, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a Agência Portuguesa do Ambiente, Aguas do Norte S.A., Efacec Engenharia e Sistemas, S.A., Labaqua, S.A. e Viaqua Xestión Integral do Auga de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/12/2023