A Xunta iluminará o Teatro Jofre, o Concello de Fene e o Torreón dos Andrade durante este Nadal no marco da iniciativa “Acende o Camiño de Santiago”

Dentro do programa Nadal en Galicia inclúense propostas locais como os beléns da Orden Tercera, en Ferrol; o da Sociedade Cultural O Tilo, en Ares, e o de Ortigueira; así como o mercado de Nadal de Ferrol ou o Cine 360º que se proxectará do 28 ao 4 de xaneiro na praza de Amboage

Ferrol, 21 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia iluminará desde hoxe e ata o próximo 8 de xaneiro tres edificios emblemáticos do Camiño Inglés con motivo da iniciativa Acende o Camiño de Santiago posta en marcha un ano más por Turismo de Galicia. Trátase do Teatro Jofre, en Ferrol; a Casa do Concello de Fene, e o Torreón dos Andrade, en Pontedeume, tres dos máis de medio cento de monumentos e edificios emblemáticos do Camiño de Santiago que iluminarán durante este Nadal as distintas rutas xacobeas.

A iniciativa enmárcase nas accións que ten en marcha Turismo de Galicia nestas datas co seu produto de promoción Nadal en Galicia, que aglutina diferentes propostas que se celebrarán nas catro provincias e coas que convida a galegos e visitantes a coñecer o destino tamén en Nadal, poñendo así en valor o seu potencial turístico.

Entre as propostas inclúense os beléns da Orden Tercera, en Ferrol; o da Sociedade Cultural O Tilo, en Ares, e o de Ortigueira xunto a outros situados en diferentes lugares de Galicia. Tamén mercados do Nadal como o de Ferrol, aberto ata o 5 de xaneiro na praza de Armas con artesáns, produtores e comerciantes que exhiben e venden os seus produtos locais, pezas e colección de decoración nas principais cidades ou o Cine 360º, tamén na cidade naval que se proxectará nun iglú situado na praza de Amboage do 28 ao 4 de xaneiro en sesións de entre 20 e 30 minutos.

As distintas opcións de lecer familiar como o espectáculo OVO do Circo do Sol que se celebrará dos 3 ao 7 de xaneiro en Santiago e que conta co apoio económico da Xunta ou visitas especiais a recursos como o Pazo de Lourizán, están recollidas nunha guía que se pode consultar na web de Turismo de Galicia.

Data de actualización: 21/12/2023