Os premios Galicia de Innovación e Deseño 2023 recoñecen a profesionais e empresas que contribúen a “mellorar a competitividade e a calidade de vida”

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, sinala na entrega destes galardóns que tanto gañadores como finalistas reivindican a marca Galicia co seu traballo e creatividade

No ámbito do deseño, resultaron premiados Uqui Permui pola súa traxectoria e Ismael Velo como talento emerxente, así como a empresa Costa Comunicación Visual; mentres que no tocante á innovación os galardoados son Centum Research & Tecnhology, Pasek Minerales e Carme Pampín

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, sinalou hoxe na entrega dos Premios Galicia de Innovación e Deseño 2023, impulsados pola Xunta, que estes galardóns serven para poñer de relevo “como a innovación e o deseño cumpren un papel esencial para mellorar a competitividade das empresas e a calidade de vida das persoas”, servindo tamén para reivindicar a marca Galicia, á que contribúen finalistas e gañadores co seu traballo e creatividade.

Na súa intervención, a conselleira fixo fincapé no labor que se realiza desde a Administración autonómica para facer chegar a cultura da innovación empresarial ás pemes. Neste sentido, nos seis últimos anos, as axudas da Xunta para impulsar a I+D+i de xeito específico nas pequenas e medianas empresas beneficiaron a case medio milleiro de pemes, mobilizando proxectos por valor de 47 millóns de euros. Do mesmo xeito, lembrou que a Administración autonómica ten en marcha o Programa de deseño para a innovación e a sustentabilidade. Esta folla de ruta recolle a aposta da Xunta de Galicia polo deseño como ferramenta de transformación económica e social.

Neste sentido, tres das categorías dos premios distinguen a profesionais e equipos que contribúen de maneira relevante á mellora do prestixio do deseño galego e ás empresas que, ao incorporalo na súa estratexia de negocio, demostran o seu valor como panca de innovación. Na categoría de profesionais do deseño resultou gañadora Uqui Permui, responsable do estudio Uqui Cebra, en Santiago de Compostela, mentres que Ismael Velo (Ourense) foi o galardoado no apartado de talento emerxente no deseño. A empresa premiada como caso de éxito de incorporación do deseño á súa estratexia empresarial foi Costa Comunicación Visual (A Coruña).

As outras tres categorías dos galardóns entregados hoxe buscan recoñecer a profesionais e empresas de Galicia que contemplan a innovación como un elemento clave para o desenvolvemento da súa estratexia profesional e o seu crecemento empresarial. A peme gañadora foi Centum Research & Technology (Vigo), mentres na categoría de grande empresa, cunha actividade innovadora ao longo de, como mínimo, dez anos, distínguese a Pasek Minerales (Cariño). No tocante á categoría para empresarios e profesionais cunha traxectoria na que a innovación fose unha das súas características relevantes, nesta edición distínguese a Carme Pampín.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/12/2023