A Xunta adianta o pago da Risga antes do Nadal aos seus 5.600 beneficiarios

O vindeiro ano 2024 reforzarse o orzamento destinado a Inclusión Social ata superar os 153 millóns de euros

O Goberno galego destina á cociña económica de Santiago 240.000 euros a través da orde de axudas a entidades sociais

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2023

A Xunta Galicia adiantou o pago da Renda de Inclusión Social de Galicia (RIsga) nestas datas do Nadal aos seus 5.600 beneficiarios para que conten con esta prestación durante estas festas. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe a cociña económica de Santiago coa que colabora a Xunta de Galicia a través da orde de axudas a entidades sociais. 

En concreto, o Goberno galego destina á cociña económica de Santiago 240.000 euros a través desta liña de axudas, co que colabora co seu importante labor especialmente nestas datas de Nadal. A conselleira lembrou que o Goberno galego apóiase no tecido asociativo para atender a toda as persoas que se atopan nunha situación de vulnerabilidade para que estean atendidas.  

A Xunta de Galicia incrementará no vindeiro ano 2024 os fondos destinados a Inclusión Social ata os 153 millóns de euros. Uns fondos que permitirán atender a todas as persoas en risco de exclusión a través da Risga, que blinda o seu orzamento nos 46 millóns de euros para atender a todas aquelas persoas que non transitasen aínda ao Ingreso Mínimo Vital, e para seguir impulsando máis Axudas de Inclusión Social (AIS), que lles axuden a facer fronte aos gastos imprevistos aos fogares con menos recursos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/12/2023