Lorenzana pon en valor o fomento das vocacións científicas entre o estudantado que impulsa o CIS Galicia

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe en Ferrol o campamento científico no que participan esta semana preto de 40 alumnos e alumnas de ESO

Ferrol, 26 de decembro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe en Ferrol o campamento científico-tecnolóxico D’Tec, que desenvolve a súa terceira edición durante esta semana no CIS Tecnoloxía e Deseño coa participación de preto de 40 estudantes de educación secundaria obrigatoria (ESO) de toda a comarca.

Durante a visita, Lorenzana incidiu na importancia de promover o interese e a vocación dos rapaces e as rapazas pola ciencia e a tecnoloxía, subliñando que a través desta iniciativa se contribúe tamén á conciliación familiar. A conselleira de Economía, Industria e Innovación destacou que están a participar practicamente o mesmo número de rapaces que de rapazas, “co cal é un xeito máis de tratar de crear novas vocacións nas carreiras STEM” (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas, polas súas siglas en inglés), un traballo “que ten que empezar desde a escola e desde os primeiros anos de formación”.

Este campamento científico forma parte do programa D’Tec, no marco do cal o CIS Tecnoloxía e Deseño pon en marcha distintas actividades como espectáculos, talleres, proxectos para as aulas e campamentos para poñer en valor a importancia da innovación, a ciencia e a tecnoloxía como unha das claves para o desenvolvemento de Galicia. Este mesmo venres, 29 de decembro, está prevista a segunda sesión de cine e espectáculo científico organizada este Nadal, na que se proxectará a película de animación Robots. A data límite de inscrición para esta actividade é mañá, 27 de decembro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/12/2023