A Xunta inicia as consultas ambientais do proxecto de conversión en autovía da vía de altas prestacións que comunica Brión e Noia

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda somete o proxecto da 1ª fase do desdobramento a participación durante un mes, no marco do proceso de avaliación ambiental simplificada

A actuación, impulsada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, ten un orzamento que rolda os 29 M€, incluíndo as expropiacións

Proxéctase a conversión en autovía do tramo de 9,66 km de lonxitude, desde o remate da autovía Santiago-Brión ata o inicio do tramo Martelo-Noia, actuándose no 60% da lonxitude da vía de altas prestacións VG-1.5

Disporá para cada calzada de dous carrís de 3,5 metros, dándolle continuidade ás características da vía no tramo Santiago-Brión, realizándose modificacións na conexión coa autovía Santiago-Noia para adaptar o trazado existente á nova autovía

Nas obras de construción da vía de altas prestacións xa se executaron a maior parte das obras de paso, contemplando a plataforma final con sección de autovía, incluíndose neste proxecto as estruturas no paso Inferior no quilómetro 11+945 e no viaduto de Naveira

No caso do viaduto de Naveira proponse unha ponte xemelga á existente, cun taboleiro de 11,5 metros de ancho e 7 vans de 40 metros de luz entre os eixos das pilas
 

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2023

A Xunta vén de iniciar o trámite de consultas ambientais do proxecto da 1ª fase de conversión en autovía da vía de altas prestacións CG-1.5 Brión-Noia.

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de iniciar o procedemento para someter o proxecto a participación durante un prazo dun mes, no marco do proceso de avaliación ambiental simplificada.

Esta actuación, que impulsa a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, ten un orzamento que rolda os 29 M€, incluíndo o investimento necesario para as expropiacións de terreos.

O trazado que se proxecta terá unha lonxitude de 9,66 km, iniciándose no final da autovía AG-56, Santiago-Brión, e finalizando no tramo Martelo-Noia. Esta primeira fase de conversión en autovía supón o 60% da lonxitude de 18,2 km da vía de altas prestacións Brión-Noia, aproximadamente.

O obxectivo é converter en autovía o treito comprendido entre os quilómetros 11+640 e o 21+300, realizándose o desdobramento para a autovía cara ao lado esquerdo da vía de altas prestacións CG-1.5, polo que se manterá a estrutura actual ao situarse no lado contrario do carril lento. Isto favorecerá que se poida manter a funcionalidade durante o transcurso das obras.

Cómpre lembrar que durante a realización das obras desta vía en calzada única xa se tivo en conta a futura conversión en autovía, cun trazado axeitado. Para iso na execución da vía de altas prestacións Brión-Noia realizáronse os movementos de terras principais da obra e os pasos superiores e inferiores, que non é necesario ampliar salvo no caso do paso inferior situado no quilómetro 11+990.

A estrada proxectada no desdobramento será para cada calzada de dous carrís de 3,5 metros, beiravías de 2,5 metros exterior e 1 metro interior, e disporá de mediana de 3 metros entre bordos de beiravía das plataformas contiguas, dándolle continuidade ás características da autovía no tramo Santiago-Brión.

No marco das obras que se acometerán realizaranse algunhas modificacións na conexión coa autovía Santiago-Noia (AG-56), co obxecto de adaptar o trazado existente á nova autovía.

En concreto, unha das modificación consistirá no retaluzado do desmonte existente na marxe esquerda en dirección Noia, para obter o ancho necesario para a nova sección. Outra intervención será a ampliación dun paso inferior para adaptalo ao novo ancho da autovía.

Actualmente da vía de altas prestacións Brión-Noia conta con catro enlaces a distinto nivel: Urdilde, Martelo, Sampaio e Pontenafonso, e cun ramal de incorporación a nivel en Gundín, sentido Santiago. Os catro enlaces conservaranse, sendo obxecto do desdobramento a execución definitiva dos ramais da calzada para desdobrar, pero o ramal de Gundín desaparecerá coa ampliación da calzada pola imposibilidade física de conservalo co desdobramento da vía.

Así os enlaces deste novo treito de autovía estarán en Urdilde, no punto quilométrico 15+400, a 3,4 quilómetros do anterior enlace en Brión; e en Martelo, no punto quilométrico 18+930 a 3,53 quilómetros do anterior enlace.

En cantos ás estruturas, nas obras de construción da vía CG-1.5 executáronse xa a maior parte das obras de paso, prevendo a plataforma final con sección de autovía, salvo no paso inferior no quilómetro 11+945 e no viaduto de Naveira.

A intervención proxectada para o paso inferior no quilómetro 11+945, prevé a prolongación da sección existente, minimizando cantos, para mellorar a disposición no camiño de servizo para que a solución final da vía secundaria sexa máis axeitada.

No caso do viaduto de Naveira, proponse unha ponte xemelga á existente, coa peculiaridade de que os pilotes de 1 metros de diámetro dos estribos xa están executados. O viaduto terá 7 vans de 40 metros de luz entre eixos de pilas. Estas serán fustes octogonais ocos. O taboleiro terá unha anchura de 11,50 metros.

Data de actualización: 27/12/2023