O 061 de Galicia asistiu 46 persoas por 37 accidentes de tráfico durante a fin de semana

Desde as 15,00 horas do venres, 5 de xaneiro ata as 23,59 horas do domingo, 7 de xaneiro, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 47 chamadas por accidentes de tráfico

A Estrada (Pontevedra), 8 de xaneiro de 2024

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana 46 persoas debido a 37 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 5 de xaneiro, ata as 23,59 horas do domingo, 7 de xaneiro. O venres foi o día que rexistrou máis sinistros, con 16 accidentes de tráfico.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 47 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 37 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 46 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 39% e do 61% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 39% dos atendidos tiña entre 45 e 59 anos.

Por provincias, A Coruña foi a que máis sinistros rexistrou con 16 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

 
Provincia
Accidentes
A Coruña
16
Lugo
6
Ourense
6
Pontevedra
9
Galicia
37
 

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 47. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en 5 accidentes, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico asistiron en 38 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en catro accidentes.

En 41 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes e en cinco ocasións atendeuse no propio lugar do incidente.

Data de actualización: 08/01/2024