Rueda reúnese coa presidenta da FEMP para abordar cuestións de interese para o municipalismo

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe un encontro de traballo coa presidenta da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), María José García-Pelayo, para abordar cuestións de interese para o municipalismo.

Durante a reunión -na que estiveron acompañados polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo-, abordaron as necesidades do financiamento autonómico e local, porque da súa suficiencia depende que se poidan prestar servizos cos suficientes parámetros de calidade. Neste sentido, valoraron que cuestións como o envellecemento e dispersión -Galicia conta coa metade de todos os núcleos de poboación de España- deben ser tidas en conta  á hora de distribuír os recursos en tanto incrementan o custe da presentación de servizos.

 

Ademais, o titular do Executivo galego explicou tamén á presidenta da FEMP algunhas das iniciativas que está levando a cabo a Xunta para apoiar aos concellos en xeral, e aos máis pequenos en particular.

Por último, Rueda e García-Pelayo coincidiron en destacar a importancia de que se cubran todas as prazas de persoal funcionario da administración local con habilitación de carácter nacional, cuxo traballo é fundamental para o correcto desenvolvemento das funcións desta administración.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/01/2024