A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, interveu hoxe na xornada ‘Transferencia de coñecemento. Ciencias sociais, humanas, xurídicas e artísticas’, organizada pola USC

Lorenzana avoga por dar pulo á transferencia de coñecemento ante o reto da descarbonización e a dixitalización

Salienta que é clave aliñar as necesidades das empresas coas capacidades dos centros tecnolóxicos e o ecosistema de I+D+i

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2024

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe a importancia de impulsar a transferencia de coñecemento ao tecido produtivo na busca de solucións innovadoras fronte aos retos da descarbonización, a dixitalización ou a transición enerxética.

Así o manifestou durante a súa intervención na xornada Transferencia de coñecemento. Ciencias sociais, humanas, xurídicas e artísticas, organizada pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde avogou por aliñar as necesidades das empresas coas capacidades dos centros tecnolóxicos e o ecosistema de I+D+i.

Lorenzana puxo de relevo a importancia de impulsar a innovación aberta e a colaboración empresa-universidade. “Nas universidades galegas hai moitísimo talento e coñecemento que temos que poñer ao servizo da sociedade para que xere máis valor económico e benestar social”, dixo. Como vén facendo a Xunta de Galicia, sinalou que é clave apoiar e financiar o desenvolvemento de aplicacións comerciais das investigacións xeradas nos centros de coñecemento galegos en forma de spin-offs ou de acordos de licenza. “A Administración ten que estar onde é máis difícil acceder ao crédito e facilitar o paso a quen ten o coñecemento pero non ten as ferramentas para emprender”, subliñou, tamén, en alusión á liña de apoio a startups do Igape que, por primeira vez, cobre todos os gastos asociados.

Ao respecto, indicou que, no marco do programa Ignicia da Axencia Galega de Innovación, nos últimos anos xa se prestou apoio a un total de 32 proxectos de transferencia, dos que 12 xa están no mercado a través de tres licenzas coa grande industria e nove spin-offs creadas por parte de investigadores que se converten en emprendedores.

Na mesma liña, apuntou que a transferencia é un dos obxectivos nos que afonda o novo decreto que regula a carreira investigadora no sector público, así como un dos asuntos nos que vai traballar a Mesa Emprega-Innovación, que a Xunta vai poñer en marcha xunto con todos os axentes do ecosistema galego de I+D+i.

Segundo dixo, a transferencia de coñecemento ao tecido produtivo tradúcese en novos investimentos, emprego cualificado e máis empresas. “Temos que aproveitar todo o coñecemento e talento que temos para que reverta en Galicia, se quede en Galicia e repercuta nas empresas, na sociedade e na creación de emprego”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/01/2024