A Casa de Galicia en Madrid acolle a presentación e exposición sobre a figura de Elías Valiña, creador das frechas amarelas do Camiño de Santiago

Madrid, 16 de xaneiro de 2024

O director da Casa de Galicia en Madrid, Javier Vázquez, participou na exhibición do documental, e posterior inauguración da exposición 'Os Camiños de Elías Valiña', coñecido como inventor das frechas amarelas das rutas xacobeas.

Trátase dun proxecto expositivo de Arraianos Producións, ACUDE Rural e a Asociación Compostelá de Amigas e Amigos dos Camiños de Santiago, comisariada por Aser Álvarez para Turismo de Galicia, conmemorativa do 30 Aniversario da Declaración do Camiño Francés como Patrimonio da Humanidade da Unesco.

"Era un ser humano extraordinario, un visionario", explicou Álvarez, ante a audiencia da Casa de Galicia en Madrid. Elías Valiña era o párroco do pobo do Cebreiro que dedicou toda a súa vida a revitalizar unha ruta que, ata ese momento, estaba abandonada. Tamén se converteu no primeiro home en realizar unha tese doutoral sobre o Camiño de Santiago, escribiu as primeiras cartografías e promoveu as primeiras asociacións xacobeas á marxe das administracións.

Pechou o acto Ildefonso da Campa, responsable da S.A. Xacobeo, que puxo de manifesto o traballo durante estes anos por difundir e promover o Camiño de Santiago.  

Despois da estrea do documental, tivo lugar a inauguración da exposición, sobre a figura de Elías Valiña, exposición na que se mostra o papel esencial deste, como precursor do asociacionismo xacobeo, pioneiro nos estudos e na sinalización do Camiño de Santiago, así como un actor fundamental no renacemento contemporáneo do fenómeno das peregrinacións a Santiago de Compostela.

A exposición poderá visitarse na sala Camilo José Cela, da Casa de Galicia en Madrid, até o vindeiro mércores, 31 de xaneiro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. E os días festivos: de 10 a 14 horas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/01/2024