A Xunta publica a nova convocatoria de axudas aos concellos para eficiencia enerxética dotada con 5,3 M€

A medida, cofinanciada con fondos Feder, vai dirixida a municipios de menos de 30.000 habitantes que fagan melloras de illamento, iluminación ou climatización e calefacción

As achegas autonómicas cubrirán ata o 80 % do gasto, cun límite de 120.000 €

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova convocatoria de axudas plurianual destinada a impulsar a eficiencia enerxética nas infraestruturas vinculadas á prestación de servizos municipais, que conta cun orzamento de 5,3 millóns de euros cofinanciados con fondos Feder para o período 2024-2025. A medida diríxese aos concellos de menos de 30.000 habitantes e permitirá cubrir ata o 80 % dos gastos de melloras en illamento, iluminación interior e climatización cun límite de 120.000 euros.

Así, financiaranse obras de mellora das envolventes térmicas, illamentos en cubertas e fachadas, e a instalación de carpinterías exteriores ou acristalamentos con boas características térmicas. Tamén son subvencionables as obras para contar con iluminación eficiente no interior dos edificios, así como para a colocación de sistemas de control e regulación da iluminación artificial, da intensidade e o acendido. Outra das melloras refírese á climatización e calefacción, que poderán incluír fontes de enerxía renovable. O importe da actuación debe oscilar entre os 60.000 e os 150.000 euros.

Os proxectos que opten ás axudas deben ser de execución plurianual, dunha única fase e non poderán estar comezados antes da presentación da solicitude. Segundo se recolle na orde, as administracións locais beneficiadas deberán acreditar unha redución mínima inicial do 20 % do consumo anual de enerxía primaria non renovable e de nas emisións de gases de efecto invernadoiro.

O obxectivo é contribuír á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e á mitigación dos efectos do cambio climático, en liña coa Estratexia de cambio climático e enerxía 2050 e no marco do Programa Feder Galicia 2021-2027. Búscase tamén facilitarlles aos concellos galegos o aforro enerxético e económico, así como a mellora ambiental e do confort do persoal e da cidadanía usuaria dos servizos municipais. A través da medida impúlsase ademais a reactivación económica dos sectores implicados nas obras e refórzase o efecto exemplarizante das actuacións da Administración.

Os concellos que desexen acollerse a esta orde deberán presentar as súas solicitudes por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. O prazo para facelo é dun mes a partir de mañá.

Data de actualización: 18/01/2024