A Xunta garante aos alcaldes e alcaldesas da comarca do Carballiño o mantemento das dúas prazas de pediatría coas que conta o seu centro de saúde

Comesaña informou hoxe aos representantes municipais e da Plataforma pola defensa da Sanidade do Carballiño que unha destas prazas será cuberta de xeito inminente, mentres que a segunda delas está á espera de ser asignada

O conselleiro salienta o compromiso da Xunta coa Sanidade da comarca do Carballiño, tanto a nivel de recursos humanos como de infraestruturas

Así mesmo, destaca que na actualidade se pode obter cita no mesmo día para a especialidade de Pediatría neste centro de saúde

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2024

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantivo esta mañá unha reunión cos alcaldes e alcaldesas da comarca do Carballiño, un encontro no que se comprometeu a manter as dúas prazas de Pediatría coas que conta na actualidade o centro de saúde desta localidade.

Segundo explicou o conselleiro aos rexedores e aos representantes da Plataforma pola defensa da Sanidade no Carballiño, unha destas prazas será cuberta de xeito inmediato, dado que tras ser ofertada no concurso de méritos -sen exame- convocado pola Xunta, esta xa dispón de candidato e “en cuestións de semanas estará cuberta cunha praza en propiedade”.

A segunda das prazas ofertadas polo Servizo Galego de Saúde está polo de agora vacante á espera de ser asignada. É, por tanto, salientou o conselleiro, “unha praza que seguirá sendo ofertada a calquera médico especialista en Pediatría que queira ocupala”.

No entanto, abundou o conselleiro, a atención pediátrica queda garantida no centro de saúde do Carballiño, ao contar con médicos de familia especializados en atención puericultura, e que agora xa se atopan traballando no centro.

“Se hoxe alguén solicita unha cita de Pediatría neste centro de saúde, obterán unha cita para o mesmo día de hoxe”, subliñou Comesaña.

Durante a xuntanza, na que o conselleiro estivo acompañado polo xerente da área sanitaria ourensá, Félix Rubial; o titular de Sanidade reiterou que a Xunta manterá a atención con especialistas habilitados para esta especialidade. De feito, puntualizou Comesaña, neste intres o centro conta cunha profesional especializada en puericultura que traballar a tempo completo e que, en función da demanda, o Sergas dispón doutro profesional para dar resposta as necesidades asistencias.

Neste senso, o máximo responsable da Sanidade galega trasladou o firme compromiso da Xunta, tanto a nivel de recursos humanos como de infraestruturas sanitarias, para a poboación desta comarca ourensá.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/01/2024