O conselleiro de Sanidade reúnese coa rede de nodos de innovación sanitaria para abordar as actividades durante o presente ano

Na xuntanza, falouse da nova edición dos Premios de innovación en saúde, impulsados pola Rede, coa publicación no Diario Oficial de Galicia de hoxe das bases e convocatoria da súa IV edición

Tamén se abordou o estado do Decreto de creación da Rede de Nodos de Innovación Sanitaria

Santiago de Compostela, 22 de xaneiros de 2024

A Rede de Nodos de Innovación reuniuse no día de hoxe para facer balance das actividades realizadas durante o último trimestre do 2023 e planificar as futuras actuacións. A xuntanza contou coa presencia do conselleiro de Sanidade, Julio Garcia Comesaña, e do xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa, xunto coa delegación de Nodos correspondente ás sete áreas sanitarias do Sergas, a Dirección da Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria de ACIS, e o 061 como invitado.

Durante a reunión, perfiláronse as próximas actividades a realizar cos nodos, nos que destaca a organización dos vindeiros premios de innovación en saúde por parte do Nodo da área sanitaria de Ferrol. Ademais, analizouse o estado dos proxectos premiados na edición anterior a cargo do Nodo de innovación da área sanitaria da Coruña e Cee.

Decreto de creación da Rede de nodos de innovación sanitaria

Na xuntanza de hoxe tamén se falou do Decreto polo que se crea a rede de Nodos de Innovación sanitaria e se establece a súa composición, organización e funcións, que continúa a súa tramitación, unha vez superada a fase de publicación no Portal de Transparencia. Esta rede, dependente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, busca que os profesionais do sistema sanitario público galego, pacientes, coidadores, empresas e demais perfís implicados no sector da saúde, acheguen as súas ideas de mellora, dando resposta aos retos en saúde que presenta a nosa sociedade.

A rede recolle, valoriza e acompaña estas iniciativas co fin de convertelas en proxectos con resultados aplicables á realidade cotiá da práctica asistencial e estendelos a todo o sistema público de saúde de Galicia.

Para a promoción e dinamización da achega de ideas á rede por parte de calquera profesional do sistema público de saúde de Galicia, regúlanse os nodos de innovación de cada unha das sete áreas sanitarias, xunto co nodo central que recae na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde. O decreto, que consta de 16 artigos, está dividido en dous capítulos.

IV Edición dos Premios de Innovación en saúde

Respecto da cuarta edición dos Premios de Innovación en Saúde, impulsados pola Rede de Nodos de Innovación, e dos que o Diario Oficial de Galicia de hoxe publica as bases, busca continuar promovendo ideas innovadoras como eixo central e impulsor da innovación no sistema sanitario público galego.

Estes premios fomentan as ideas innovadoras nas que traballan os seus profesionais para mellorar a calidade de vida das persoas e a sustentabilidade do Sistema Sanitario Público Galego, así como iniciativas presentadas por persoas físicas (pacientes, coidadores, etc), entidades ou asociacións de pacientes sen fins lucrativos.

Para continuar nesta liña, manteranse as dúas categorías de participación das edicións anteriores: profesionais ou pacientes. Ademais, as dúas modalidades contarán con dous gañadores cada unha (primeiro e segundo premio).

A cuarta entrega dos premios encárase co obxectivo de continuar co éxito acadado nas tres anteriores, cun total de 233 proxectos presentados, dos cales 48 corresponderon á modalidade de pacientes e 185 foron presentados por profesionais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/01/2024