O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades visita o Colexio Xoaquín Loriga de Lalín, onde se vén de instalar o primeiro destes puntos á disposición dos alumnos

Arranca a colocación de 1.242 puntos laranxa contra o acoso escolar nos centros educativos galegos

Funcionan como un buzón no que o alumnado, desde o absoluto anonimato, pode trasladar situacións de acoso propias ou que perciban en terceiros

Román Rodríguez reivindica a “tolerancia cero” ante calquera conduta contraria a convivencia e a implicación “de toda a sociedade nesta tarefa de país”
 

Lalín (Pontevedra), 24 de xaneiro de 2024

Coincidindo co Día Internacional da Educación, arranca a colocación de 1.242 puntos laranxas contra o acoso escolar que nas próximas semanas chegarán ao cen por cen dos colexios e institutos galegos sostidos con fondos públicos. Trátase dunha iniciativa desenvolvida ao abeiro do Plan Integral contra estas condutas impulsado pola Xunta de Galicia co fin de blindar que as contornas escolares sexan seguras, inclusivas e respectuosas e que os centros escolares conten cos recursos necesarios para poder previr, identificar e actuar ante estas situacións.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou esta mañá o Colexio CEIP Xoaquín Loriga de Lalín, onde foi habilitado o primeiro destes puntos á disposición do alumnado, e que ademais dos centros educativos, tamén está previsto que se instalen nos Espazos Xoves e nas residencias xuvenís e de estudantes.

O titular de Educación do Goberno galego aproveitou a visita ao centro para reivindicar a “tolerancia cero” ate calquera conduta contraria á convivencia e reclamou a implicación do conxunto da sociedade “nesta tarefa de país que require do compromiso de todos e cada un de nós”.

Puntos físicos e virtuais

Estes puntos laranxascontra o acoso escolar teñen un formato físico nas propias instalacións e outro virtual a través dos webs de cada un dos centros educativos. Ademais, contan cunha imaxe común e uniforme para que sexan perfectamente identificados e accesibles.

O seu funcionamento é como o dun buzón a través do cal o alumnado pode comunicar ou denunciar, desde unha posición totalmente anónima, posibles situacións de acoso ou ciberacoso que sufran ou perciban en terceiros.

Para xestionar este buzón, en cada centro educativo constitúese un equipo de actuación contra o acoso escolar integrado, entre outros, polo coordinador de benestar emocional e convivencia e a persoa orientadora do centro.

Deste xeito, o alumnado conta cun equipo de referencia ao que dirixirse en caso de que o precise. Ademais, no novo Protocolo educativo para a prevención, a detección e o tratamento do acoso e do ciberacoso escolar recentemente actualizado, establécese un procedemento de intervención ante os posibles casos que se coñezan por esta vía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/01/2024