A Xunta recibe 12 ofertas para desenvolver catro novos contratos para a dixitalización da rede de estradas autonómicas
O obxectivo destes contratos, divididos en 4 lotes diferentes e cun orzamento global de 2,47 M€, é avanzar nas actuacións en marcha da Estratexia de dixitalización e innovación en materia de estradas de Galicia
Unha parte das actuacións están centradas na dixitalización da estrada e da súa contorna, xunto coas de mantemento das aplicacións que están en servizo
Os contratos inclúen os servizos de xeración da xeodatabase de información da rede viaria; a dixitalización e vectorización dos expedientes de autorizacións en materia de estradas; a integración dos datos de expropiacións; e o seguimento dos proxectos tecnolóxicos
Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2024
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, recibiu un total de 12 ofertas de empresas para desenvolver catro novos contratos para seguir avanzando na dixitalización da rede autonómica de estradas de Galicia.
Estes servizos, divididos en catro contratos e cun investimento global de 2,47 millóns de euros, teñen como obxectivo continuar impulsado as actuacións en marcha da Estratexia de dixitalización e innovación en materia de estradas de Galicia, nas que se fixan 5 liñas de actuación: administración dixital, dixitalización das estradas e a súa contorna, integración de sistemas de información, desenvolvemento de novas solucións e integración de sistemas intelixentes de transporte.
Estas actuacións teñen como obxectivo aumentar a eficacia na xestión da rede autonómica de estradas de Galicia.
Unha parte das actuacións, centradas na dixitalización da estrada e da súa contorna, xunto coas de mantemento das aplicacións, xa están en servizo. Estas actuacións contaron con fondos europeos, principalmente, React-EU, e fondos propios do departamento de Infraestruturas da Xunta.
Os contratos
No marco deste traballo para impulsar a estrada intelixente na rede viaria autonómica, os novos contratos, divididos en catro lotes, permitirán dar comezo a unha nova etapa no desenvolvemento desta estratexia, que recolle as actuacións necesarias para organizar de xeito eficiente a xestión da rede de estradas autonómicas.
O primeiro lote recibiu a oferta de dúas empresas e diríxese á xeración da xeodatabase de información da rede de estradas de Galicia, sobre a base dos traballos de dixitalización e vectorización realizados nos últimos anos. O obxectivo é establecer os protocolos apropiados para proceder, no futuro, ás sucesivas actualizacións de información, cada vez que algún elemento da rede viaria se vexa sometida a unha actuación que varíe a súa xeometría.
O segundo lote, ao que tamén se presentaron dúas ofertas de empresas, afondará no desenvolvemento da dixitalización e vectorización dos expedientes de autorizacións da rede autonómica de estradas, incluíndose tamén a vectorización da traza daquelas actuacións autorizadas sobre a zona de dominio público das estradas, de modo que o resultado do traballo se poderá implementar nun sistema de información xeográfica.
No caso do terceiro e cuarto lotes, aos que se presentaron 3 e 5 ofertas de empresas, respectivamente, centraranse na migración de datos de expropiacións desde as ferramentas informáticas dos Servizos Provinciais ao sistema de tramitación de expedientes de expropiación (SITEX), e no asesoramento e seguimento dos proxectos tecnolóxicos desenvoltos para a Axencia Galega de Infraestruturas.
O financiamento das novas actuacións da Estratexia provirá, fundamentalmente, da partida asignada á Comunidade Autónoma de Galicia de fondos do Programa Galicia FEDER 21/27.