Medio Rural destina case 280.000 euros para a mellora e reparación dos camiños de acceso a parcelas en Friol
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, visitou hoxe os traballos de mellora nos camiños de acceso a parcelas en Friol incluído no proxecto de permutas de especial interese agrario na parroquia de Nodar, co que se mobilizaron 162 hectáreas
En concreto nesta parroquia investíronse máis de 60.000 euros e está prevista outra actuación nos núcleos de Busto e A Covariza, cun orzamento de máis de 210.000 euros
No termo municipal estase traballando na declaración de 410 hectáreas máis en dous proxectos de permutas de especial interese agrario, co obxectivo de mobilizar o terreo e evitar o seu abandono
Friol (Lugo), 11 de agosto de 2026
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, visitou hoxe as actuacións levadas a cabo no concello de Friol para a de mellora e reparación do firme do acceso principal ás parcelas, para o que se destinaron este ano un total de case 280.000 euros. En concreto, visitou a parroquia de Nodar, na que se investiron máis de 60.000 euros.
Para isto leváronse a cabo traballos como son a limpeza de cunetas, afirmado e pavimentación, execución de pasos salvacunetas e xestión de residuos procedentes da obra. Isto, ao longo dunha superficie total de 838 metros. Ademais, está previsto realizar unha nova actuación de mellora de camiños de acceso no entorno dos núcleos de Busto e A Covariza, na parroquia de Silvela, tamén no concello de Friol. A superficie a acondicionar neste caso é de 2.460 metros, e conta cun investimento de máis de 210.000 euros.
Estas actuacións enmárcanse dentro dos proxectos de permutas de especial interese agrario promovidas pola Consellería do Medio Rural, nas que este municipio é pioneiro. A través desta iniciativa, en Friol estase traballando na mobilización de máis de 570 hectáreas, das cales 162 son na parroquia de Nodar. O obxectivo deste instrumento é mobilizar o terreo e evitar o seu abandono.