O conselleiro do Medio Rural clausurou o acto de presentación de resultados do proceso participativo desenvolvido para as zonas de concorrencia de lumes forestais

A Xunta impulsa da man dos axentes sociais a planificación integral das áreas afectadas polos incendios de 2022 para fomentar a súa recuperación

Os labores teñen que ver coa plantación e reforestación con coníferas e frondosas autóctonas, a apertura e mellora de pistas e camiños, a construción e mellora de puntos de auga ou a mellora e implantación de faixas secundarias
 

Inclúen tamén a creación, recuperación e mantemento de pradarías e pasteiros ou ao impulso dos instrumentos de recuperación como os polígonos agroforestais, as aldeas modelo, os soutos tradicionais ou os pasteiros
 

José González valorou e agradeceu a participación colectiva que permitiu avanzar no proxecto e na recuperación do territorio afectado polos lumes
 

Esta colaboración con axentes sociais implica cinco comarcas: O Courel, Valdeorras, Macizo Central, Monterrei e Barbanza, abranguendo 26 concellos e máis de 245.000 hectáreas

Compartir
  • whatsapp

Boqueixón (A Coruña), 6 de febreiro de 2024

A Xunta traballa en diferentes medidas na liña da recuperación e xestión das áreas afectadas polos incendios rexistrados en 2022. Así, actúa con iniciativas como a plantación e reforestación con coníferas e frondosas autóctonas, a apertura e mellora de pistas e camiños, a construción e mellora de puntos de auga, a mellora e implantación de faixas secundarias, a creación, recuperación e mantemento de pradarías e pasteiros ou o impulso dos instrumentos de recuperación como os polígonos agroforestais, as aldeas modelo, os soutos tradicionais ou os pasteiros.

Así o explicou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, na mesa de axentes sociais que tivo lugar no Pazo de Quián, no concello coruñés de Boqueixón. O obxectivo desta xuntanza, á que tamén asistiron o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, foi presentar as conclusións obtidas durante as primeiras fases do proceso participativo para a recuperación e xestión de áreas de concorrencia de lumes forestais.  
Durante a súa intervención, o conselleiro fixo fincapé na importancia da prevención dos lumes forestais e referiuse a ela como “unha das nosas liñas estratéxicas”. Neste sentido, José González afirmou atoparse “totalmente satisfeito das conclusións as que puidemos chegar de xeito conxunto”, agradecendo de novo a participación colectiva que permitiu avanzar no proxecto e na recuperación do territorio afectado polos lumes.  

Cinco ámbitos xeográficos

Esta colaboración con axentes sociais -sinalou o conselleiro- implica cinco comarcas afectadas polos lumes de 2022: O Courel, Valdeorras, Macizo Central, Monterrei e Barbanza. Neste sentido, a Consellería do Medio Rural colabora con 26 concellos para buscar solucións as máis de 245.000 hectáreas que requirían de medidas para a súa recuperación.

De seguido, José González reafirmou a súa aposta pola recuperación de terra abandonada xa que “é a mellor forma de evitar que se produzan os lumes e de limitar a súa afectación unha vez que se producen”, aseverou.

Con respecto ao proceso, realizáronse encontros con axentes destas áreas, como cargos e técnicos de diferentes administracións, empresas xestoras, axentes forestais, profesionais da madeira, gandeiros, comuneiros e cidadanía en xeral. Os principais obxectivos deste proceso son a compilación de propostas de uso e xestión do territorio, dende os puntos de vista forestal, agrogandeiro, ambiental e social-recreativo, identificar os axentes interesados en levar a cabo propostas, así como priorizar as áreas de actuación de cara a mellora da resiliencia fronte ao lume.

 Seguindo esta liña, o titular de Medio Rural trasladou a importancia dos instrumentos que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria na anticipación aos lumes. Deste xeito, dixo,  trabállase mediante as aldeas modelo, os polígonos agroforestais, o Banco de terras, os polígonos cortalumes ou as agrupacións forestais de xestión conxunta. Ademais, referiuse tamén a ferramentas como o Plan Forestal de Galicia, o Plan de Pastos, o Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña de Galicia ou o Plan Galego de valorización sustentable de madeiras frondosas caducifolias.  

Fondo público-privado

O conselleiro fixo fincapé na planificación estratéxica posta en marcha polo Goberno galego, que implicará unha acción integral no territorio. Para levar isto a cabo, tal e como indicou José González, cóntase coa colaboración aberta pola Xunta para crear un novo fondo público-privado para anticiparse aos incendios.

 Neste sentido, agradeceu de novo a incorporación de Inditex a este fondo, cunha achega de 9 millóns de euros que se suman ao esforzo investidor da Xunta e que permitirá intervir nas devanditas comarcas e beneficiar unhas 118.000 persoas e trasladou que proximamente se engadirán máis empresas. Este fondo naceu co fin de crear un territorio resiliente ao lume, restaurar os espazos afectados e levar a cabo unha política de xestión da paisaxe centrada na prevención.
Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/02/2024