O conselleiro do Medio Rural, José González, e o presidente do organismo provincial ourensán, Luis Menor, subscribiron o acordo

A Xunta e a Deputación de Ourense asinan un novo protocolo de colaboración para avanzar na prevención de incendios forestais na provincia

O convenio suporá un investimento de 3,8 M€, o que representa case triplicar o importe do acordo anterior, para realizar actuacións conxuntas de mantemento e conservación das infraestruturas preventivas e da contorna agrofororestal

Faranse traballos de roza de matogueira para xestionar a biomasa, adquiriranse 12 tractores rozadoiras e a Deputación cederá maquinaria da súa titularidade aos concellos para tarefas preventivas

Como novidade, poranse en marcha catro programas piloto para dotar cun total de 16 brigadas de prevención e extinción de incendios por seis meses a outras tantas mancomunidades municipais da provincia

Compartir
  • whatsapp

Ourense, 7 de  febreiro de 2024

O conselleiro do Medio Rural, José González, e o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, asinaron esta mañá na sede do organismo provincial un protocolo de colaboración para avanzar en materia de prevención de incendios forestais.

Este convenio ten un orzamento máximo de 3,8 millóns de euros, o que supón case triplicar o importe do acordo anterior e céntrase na realización de actuacións conxuntas para o mantemento e a conservación das infraestruturas preventivas e da contorna agrofororestal no territorio provincial. Destes fondos, a Deputación aportará un máximo de 1,3 millóns de euros e a Consellería os 2,5 millóns restantes.

Entre as intervencións previstas figuran os traballos de roza de matogueira para xestionar a biomasa, a mellora da xestión do persoal adscrito aos concellos da provincia en materia de defensa contra incendios, a adquisición de ata 12 tractores rozadoiras, así como de maquinaria motoniveladora ou a cesión, por parte da Deputación, de maquinaria da súa titularidade aos concellos para tarefas preventivas.

Ademais, como novidade este ano, poranse en marcha catro programas piloto para dotar cun total de 16 brigadas de prevención e extinción de incendios por seis meses a outras tantas mancomunidades municipais da provincia. Trátase das do Ribeiro, Terras de Celanova, Comarca do Carballiño e Comarca de Verín. A maiores, en virtude do protocolo darase formación especializada ao persoal municipal e das mancomunidades a través do Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén.

Esforzo de ambas partes

Na sinatura do documento, o conselleiro salientou que este esforzo demostra o compromiso de ambas partes na prevención do lume e o interese por darlles aos concellos -neste caso da provincia ourensá- un papel protagonista neste eido. Na mesma liña, José González agradeceu “a disposición a colaborar que sempre tivo -e que mantén- o organismo provincial ourensán nesta materia”, unha cooperación á que -destacou- tamén se incorpora este ano a Deputación de Pontevedra, “algo que tamén cómpre resaltar e valorar”, remarcou.

Porén, o conselleiro lamentou “a falta de compromiso das deputacións da Coruña e Lugo para participar nunhas tarefas nas que teñen obriga legal de intervir, colaborando cos seus concellos”. Engadiu que “esta é unha obriga legal, pero tamén é unha cuestión moral, xa que a loita contra o lume é cousa de todas as administracións e, en xeral, de toda a poboación”.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 07/02/2024