A Xunta executa actuacións de limpeza nos treitos interurbanos de varios ríos de Santa Comba

Os traballos estanse a desenvolver nos ríos Xallas, García, Guisande e en dous tramos do río Abuín, nos seus percorridos por distintas parroquias do municipio

Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude que supera os 18,6 quilómetros

As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos

O obxectivo destas intervencións é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos nos ríos Xallas, García, Guisande e en dous tramos do río Abuín ao seu paso polo concello de Santa Comba.

Estas intervencións estanse a desenvolver nos percorridos destes catro ríos, ao seu paso por distintas parroquias deste municipio coruñés.

As actuacións desenvólvense en treitos que suman unha lonxitude total que supera os 18,6 quilómetros.

As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como madeira morta para evitar atoamentos.

Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-centro e as súas zonas de acceso e protección.

Os traballos contribúen á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/02/2024