A Xunta urxe ao Concello de Vigo a asinar o acordo para a construción de 27 vivendas públicas municipais ante o risco de que perda os fondos da UE

O Instituto Galego da Vivenda e Solo concedeulle ao Goberno local unha subvención de 1,18 M€ en setembro de 2023, con financiamento do programa Next Generation

Nun requirimento enviado hoxe, o organismo autonómico empraza ao Goberno local a que remita asinado o convenio no prazo de 10 días para poder percibir a axuda

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2024

A Xunta de Galicia advertiu hoxe ao Concello de Vigo da necesidade de que proceda á sinatura do convenio para o financiamento con fondos da Unión Europea da construción de 27 vivendas por parte do Goberno municipal, xa que en caso de non facelo dentro do prazo establecido corre o risco de perder a axuda concedida.

Cómpre lembrar que o Executivo autonómico lle concedeu ao concello vigués unha subvención por importe de 1.187.982 euros no marco do programa de axuda á construción de vivendas en alugamento social en edificios enerxeticamente eficientes para promotores públicos e privados, unha convocatoria financiada con fondos da Unión Europea a través do Next Generation.

A subvención foi concedida e comunicada o 1 de setembro de 2023 pero está condicionada á sinatura dun acordo entre o Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, a Xunta de Galicia e o propio Goberno municipal.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) remitiulle xa o texto ao Concello de Vigo o pasado 20 de decembro e a súa sinatura resulta imprescindible para que a axuda chegue ao Goberno municipal, existindo o risco de que a perda por non xustificar a súa axeitada tramitación.

Ante a demora do concello no cumprimento deste requisito e co fin de evitar a perda dos fondos, o IGVS enviou hoxe, venres, un requirimento ao Goberno local para que remita o convenio asinado no prazo máximo de 10 días naturais.