A Xunta somete a información pública o proxecto de trazado para a restitución da vía LU-651 en Folgoso do Courel, que suporá un investimento de 5,2 M€
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o inicio deste trámite, polo que os interesados poden presentar alegacións ata o vindeiro 5 de abril
A Xunta prevé aprobar o proxecto e comezar o procedemento expropiatorio no verán, para licitar as obras a finais de ano
Trátase da reposición definitiva da LU-651 afectada polo afundimento, que agora dispón dun acceso provisional executado pola Xunta cun investimento de 1 M€
Os traballos, que se acometerán por fases, inclúen a estabilización da ladeira afectada e a construción dun novo desvío que permita acometer as actuacións
A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de trazado de restitución da estrada LU-651, en Folgoso do Courel, que suporá un investimento autonómico de 5,2 M€.
No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este anuncio: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240221/AnuncioG0181-080224-0001_gl.html
Os interesados poderán presentar alegacións ata o vindeiro 5 de abril. Tras este trámite, a Xunta prevé aprobar o proxecto e comezar o procedemento expropiatorio no verán, co obxectivo de licitar as obras a finais deste ano.
O obxecto do proxecto é definir as obras necesarias para a reposición da estrada LU-651, entre os puntos quilométricos 17+650 e o 18+470, no treito afectado polo afundimento de varias galerías dunha explotación mineira e o esvaemento posterior da ladeira.
Cómpre lembrar que tras o afundimento, a Xunta executou unha actuación de emerxencia para habilitar un acceso provisional a Folgoso do Courel, na que investiu 1 M€, mentres avanzaba na definición da solución definitiva.
Actuación definitiva
A actuación definitiva, que se executará por fases, inclúe un novo trazado que ocupará parte da zona derrubada, previa estabilización da ladeira.
A Consellería de Infraestruturas analizou 5 alternativas, considerando finalmente este novo trazado a media ladeira como o idóneo, pois permite reconstruír a estrada co máximo coidado ambiental, evitando a afección á Rede Natura, e reducindo o movemento de terras e as alturas dos desmontes, o que implica maior seguridade viaria.
De xeito máis concreto, para desenvolver esta intervención procederase á estabilización da ladeira afectada, mediante o recheo controlado dos ocos xerados e a retirada do material mobilizado.
Posteriormente, construirase un novo desvío provisional, que discorrerá en planta aproximadamente coincidente co antigo trazado da LU-651, para poder canalizar o tráfico mentres se executan as obras. Este desvío proxéctase porque para determinados traballos o acceso provisional quedará inutilizado, ao realizarse no mesmo movementos de terras.
Finalmente acometerase a construción da variante do novo trazado a media ladeira, de 820 metros de lonxitude, coas mesmas prestacións das que dispoñía a estrada existente.
Ademais levaranse a cabo actuacións complementarias como a drenaxe, o sostemento de noiros, sistemas de auscultación ou traballos de restauración ambiental.