As obras de reparación da ponte de Xunqueira de Espadanedo na estrada OU-536 farán necesario o corte de tráfico a partir de mañá

Para facilitar a mobilidade dos usuarios desta estrada habilitarase un desvío polas vías OU-0106 e OU-0153 que suporá arredor de 5 minutos de traxecto

As actuacións teñen un prazo de 3 meses, supeditado ao estado no que se atope o interior do estribo obxecto da intervención e tamén ás condicións meteorolóxicas

O obxectivo destes traballos é reforzar a estabilidade dun dos muros do estribo da ponte, tras detectarse a súa deformación no estudo topográfico realizado

A Xunta, no marco dun contrato máis amplo, executou no ano 2023 un saneo profundo da capa de rodaxe na OU-536 ao seu paso por Xunqueira de Espadanedo

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2024

As obras de reparación da ponte de Xunqueira de Espadanedo na estrada OU-536 farán necesario o corte de tráfico a partir de mañá.

 Para facilitar a mobilidade dos usuarios desta estrada habilitarase un desvío polas vías OU-0106 e OU-0153 que suporá arredor de 5 minutos de traxecto e pasar de 1,4 a 3,8 quilómetros percorridos.  

As actuacións teñen un prazo de execución de 3 meses, supeditado ao estado no que se atope o interior do estribo obxecto da intervención e tamén ás condicións meteorolóxicas para as próximas semanas. 

O obxectivo destes traballos é asegurar a estabilidade dun dos estribos desta ponte co fin de solucionar definitivamente os problemas xurdidos nos últimos meses. 

A Xunta realizou en xaneiro sondaxes e un levantamento topográfico completo da ponte, constatándose a deformación dun dos muros do estribo, que agora se procederá a arranxar.  

Cómpre lembrar que, no marco dun contrato máis amplo, a Xunta executou no ano 2023 un saneo profundo da capa de rodaxe na OU-536 en Xunqueira de Espadanedo, onde se detectou un badén no firme. 

Facendo seguimento a esa actuación constatouse que o firme estaba a repisar, polo que se realizou unha inspección para coñecer o alcance do problema, onde se comprobou a necesidade de acometer unha actuación de calado nun dos estribos da ponte.

Para facer fronte a situación e garantir a circulación en condicións de seguridade, nun primeiro momento restrinxiuse a circulación na ponte a un único carril  regulado con tráfico alternativo e fíxose un recheo na zona na que se creou ese badén para evitar riscos cando se circula a velocidade excesiva.

Paralelamente, traballouse na definición da solución definitiva, que é a que se vai acometer agora, a través dun procedemento de urxencia, para evitar que a afectación ao tráfico se prolongue máis do necesario.

Data de actualización: 22/02/2024