A Xunta e o Consello Galego de Mediadores de Seguros traballarán conxuntamente para abordar a seguridade industrial en Galicia

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, mantivo estes días un encontro coa directiva do Consello Galego de Mediadores de Seguros

O reto está na prevención e a limitación de riscos nas instalacións, así como na mellora dos contratos de aseguramentos ou na formación e concienciación, ámbitos nos cales se vai facer máis fincapé

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2024

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, mantivo estes días un encontro coa directiva do Consello Galego de Mediadores de Seguros con quen a Xunta vai traballar conxuntamente para articular novas liñas de actuación en materia de seguridade industrial en Galicia.

Na xuntanza, o secretario xeral de Industria expuxo que un dos obxectivos da Administración autonómica é a posta en marcha do Consello Galego de Seguridade Industrial, polo que convidou á entidade a sumarse aos grupos de traballo que se constituirán ao seu abeiro para avanzar en medidas de mellora.

Segundo se avanzou na reunión, o reto está na prevención e a limitación de riscos nas instalacións, así como na mellora dos contratos de aseguramentos ou na formación e concienciación, ámbitos nos cales se vai facer máis fincapé.

Como primeiro paso desta colaboración, a Xunta e o Consello Galego de Seguridade Industrial avanzarán na elaboración dun estudo estatístico que cuantifique a porcentaxe de tecido empresarial galego cara a onde máis necesario sexa orientar estas medidas. Entre os sectores nos cales van ter máis incidencia figuran o da reciclaxe, a alimentación, o sector da madeira, as conservas ou os conxelados.

O secretario xeral de Industria agradeceu aos membros da entidade a súa colaboración e amosou a disposición da Administración autonómica as recoller e dar resposta a todas as demandas e dificultades que se atopan os sectores industriais no seu día a día.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/02/2024