O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde que permite continuar ata finais de ano con estas bonificacións nos autobuses interurbanos, no transporte da ría de Vigo e no tren na área de Ferrol

Os descontos do 50 % no transporte público autonómico bonificaron xa máis de 25 millóns de viaxes, o 78 % dos desprazamentos

A Xunta vén aplicando desde o 1 de setembro de 2022 a máxima bonificación no transporte público de titularidade autonómica, incrementando nun 20 % a axuda estatal do 30 %

Só no ano 2023 estas bonificacións da Xunta abarataron preto do 80 % dos desprazamentos, case 20 millóns de viaxes

Os descontos tamén aceleraron a emisión das Tarxetas de Mobilidade de Galicia, ata acadar unha media mensual de 12.100 novos dispositivos, máis do dobre que antes

A Xunta intensificou nos últimos anos a aposta polo transporte público, blindado cun investimento autonómico de 100 M€ ao ano

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2024

Os descontos do 50 % no transporte público autonómico bonificaron desde a súa implantación en setembro do 2022 ata decembro de 2023 máis de 25 millóns de viaxes, o que supón o 78 % dos desprazamentos realizados no transporte público de competencia da Xunta.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde que permite continuar con estas bonificacións do 50 % no transporte público interurbano de competencia da Xunta neste ano 2024, que se aplican sobre as tarifas dos bonos multiviaxe e das tarxetas de Mobilidade de Galicia, TMG e a tarxeta Xente Nova.

O Consello da Xunta adoptou o 21 de decembro de 2023 a decisión de prorrogar a partir de xaneiro deste ano o desconto do 50 % no transporte público autonómico, anticipándose para garantir que as bonificacións aos usuarios tiveran continuidade, sen interrupción, xa desde o mesmo día 1 de xaneiro deste 2024.  De feito, non foi ata o 27 de decembro de 2023, cando Goberno de España confirmou que ía manter o desconto estatal para os autobuses interurbanos, de competencia autonómica, e urbanos, de competencia dos concellos.

A orde que recolle hoxe o DOG regula a continuidade desta minoración nas tarifas de aplicación nos autobuses interurbanos, no transporte da ría de Vigo e no tren na área de Ferrol. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar esta información:  https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240228/AnuncioG0533-200224-0003_gl.html

A Xunta vén aplicando desde o 1 de setembro de 2022 a máxima bonificación no transporte público de titularidade autonómica, incrementando nun 20 % a axuda estatal do 30 %.

Deste a súa activación, a Xunta está a realizar unha achega importante de fondos, adiantando cada 15 días as compensacións ás empresas concesionarias polos descontos aplicados, tanto o importe correspondente á comunidade autónoma como o comprometido pola Administración Xeral do Estado.

Ademais de no autobús autonómico, a Xunta aplica esta bonificación do 50 % no transporte da ría de Vigo, que comunica a cidade olívica cos concellos de Cangas e de Moaña; así como no ferrocarril na área de Ferrol, ao formar parte do Plan de transporte metropolitano. O desconto abrangue, ademais, os servizo urbanos de Ferrol e de Pontevedra, cidades onde o transporte público se realiza a través de concesións autonómicas.

Estas medidas de incentivación do uso do transporte público da Xunta, se se toman só os datos correspondentes ao ano 2023, elevan a porcentaxe de beneficiarios a preto do 80% dos desprazamentos, case 20 millóns de viaxeiros.

O desconto do 50 % nos prezos do transporte público acelerou tamén a emisión das Tarxetas de Mobilidade de Galicia, ata unha media mensual de 12.100 novas tarxetas desde setembro de 2022, máis do dobre das que se viñan emitindo antes da entrada en vigor da bonificación adicional do 50 %.

A Xunta intensificou nos últimos anos a aposta polo transporte público, cuxos servizos están blindados cun investimento autonómico de 100 M€ ao ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/02/2024