O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a aprobación deste novo tramo, que suporá un investimento autonómico de máis de 78 M€

O DOG recolle a aprobación do proxecto de trazado do treito da autovía Tui-A Guarda entre a estrada PO-350 e Estás, en Tomiño

Este treito de novo trazado comezará cun enlace no punto quilométrico 3+790 da PO-350 e avanzará en dirección A Guarda ata o punto 59+860 da PO-552, na glorieta de Estás

A intervención recolle a execución de 4 enlaces para este tramo: na PO-350, en Ponte-Carregal, no Seixo e en Estás

Proponse a execución de 5 viadutos, un falso túnel na zona de San Bieito, 6 pasos superiores e 4 inferiores e 3 muros de contención

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recolle hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de trazado do treito da autovía Tui-A Guarda entre a estrada PO-350 e Estás, no concello de Tomiño.

 

Este proxecto suporá un investimento autonómico de máis de 78 M€ e permite desenvolver un novo tramo da autovía Tui-A Guarda, que avanza polo concello de Tomiño, continuando a mellora da mobilidade da comarca do Baixo Miño.

 

En concreto, este treito de novo trazado comezará no punto 3+790 da estrada PO-350 e rematará no punto quilométrico 59+860 da PO-552.

A publicación hoxe no DOG recolle o acordo aprobado na reunión do Consello da Xunta do pasado día 15 de febreiro, no que tamén foi aprobado o trámite de información pública, o informe das administracións afectadas e o estudo de impacto ambiental desta actuación.

 
 

De xeito máis concreto, este novo tramo iniciarase nun enlace na PO-350, avanzará en dirección A Guarda, atravesará o val da Ponte en viaduto, chegará ao enlace da Ponte-Carregal e xirará á esquerda cara ao val do rego do Hospital e onde se atopa o terceiro dos enlaces que dá servizo ao Seixo.

Entre os puntos quilométricos 10+400 e 10+720 proxéctase o falso túnel de San Bieito, logo cruza o rego do Prego e conecta coa PO-552, no punto 59+860 mediante a glorieta de Estás.

 

No que se refire ás características técnicas, o proxecto recolle 4 enlaces para este tramo de autovía: o da PO-350, no punto 3+820 da vía de altas prestacións; o de Ponte-Carregal, no punto 6+580; o do Seixo, no 8+900; e unha glorieta en Estás na PO-552, no punto 11+960.

 

En relación ás estruturas previstas, proxéctanse 5 viadutos: do río Furnia, A Ponte, rego do Hospital, Tomiño e do rego do Pego; un falso túnel na zona de San Bieito, entre os puntos 10+400 e 10+720; 6 pasos superiores e 4 inferiores; e 3 muros de contención.

 

Na aprobación recóllense melloras significativas con respecto ao proxecto sometido a información pública e tamén se incorporan as prescricións da declaración de impacto ambiental emitida en setembro de 2023. Realízanse modificacións para a mellora da funcionalidade, para mellor accesibilidade de fincas e para reducir no posible afeccións.

 

Entre outras, deséñanse dous novos camiños de servizo; mellórase a permeabilidade transversal con dous novos pasos superiores e un paso inferior peonil; mellórase o enlace do Seixo para axudar a vertebrar a zona de dotacións deportivas e docentes; e elimínase o semienlace da PO-344, pola forte afección que producía e a proximidade dos outros enlaces.

 

Na mesma reunión do Consello da Xunta do pasado 15 de febreiro, ademais de aprobar este novo proxecto, deixouse sen efecto o proxecto antigamente aprobado, liberando así a súa afección aos terreos da parte final do seu trazado no concello de Tomiño.

 

Agora mesmo está en servizo xa a conexión completa da conexión da A-55 co polígono de Areas a través da autovía Tui-A Guarda, cuxa posta en marcha se culminou esta mesma semana, o mércores 28, mellorando as comunicacións entre o sur de Galicia e Portugal.

 

Ademais tamén se está a iniciar a redacción do proxecto do treito da autovía entre o enlace de Areas e a estrada PO-350, co obxectivo de prolongar a vía e duplicar o paso inferior de acceso ao polígono, de modo que dea funcionalidade a un enlace completo, tamén en sentido A Guarda. A previsión é poder licitar as obras este ano.

 

Nas vindeiras semanas, ademais, prevese aprobar o proxecto de desdobramento da PO-552 entre Estás e Goián, para completar a autovía ata enlazar co treito 3, xa en servizo.

Data de actualización: 01/03/2024