A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións visitou hoxe en Chantada o inmoble que alberga o arquivo municipal

A Xunta concederá 1 m€ en axudas a medio cento de concellos para mellorar a imaxe exterior de edificios, equipamentos municipais e outros elementos públicos

Ángeles Vázquez enmarca o éxito do programa, creado en 2021, no compromiso municipal co fermosismo e salienta que, por cuarto ano e unha vez pechado o prazo para a presentación de solicitudes, se volverán esgotar os fondos da convocatoria

Avanza tamén que ao abeiro da orde destinada a corrixir impactos paisaxísticos en vivendas e edificacións particulares se outorgarán ao redor doutras 355 subvencións

Chantada (Lugo), 4 de marzo de 2024

A Xunta concederá este ano axudas por un importe global de 1 millón de euros a medio cento de concellos galegos para financiar ata o 70% de obras e actuacións que contribúan a mellorar a imaxe exterior de edificios públicos, equipamentos e outros elementos e instalacións de titularidade municipal, reducindo deste xeito o impacto paisaxístico que causan sobre a contorna.

Durante unha visita á sede do arquivo municipal de Chantada, edificio para o cal o Goberno local solicitou unha axuda destinada a renovar a fachada e mellorar a cuberta, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, lembrou que o 29 de febreiro se pechou o prazo para que as entidades locais puideran acollerse a estes incentivos e avanzou que, á espera da resolución oficial, se estima que haberá 50 concellos beneficiarios.

Este é o cuarto ano consecutivo que o Instituto de Estudos do Territorio (IET), organismo dependente da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, convoca dúas ordes de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos: unha dirixida a concellos de menos de 20.000 habitantes e a outra, a propietarios particulares.

No caso da liña reservada ás entidades locais, Vázquez Mejuto salientou o feito de que, un ano máis, se prevea esgotar os fondos asignados á convocatoria de 2024 —1 millón de euros—, un dato que pon de manifesto a consolidación destas axudas entre os concellos así como o “compromiso co fermosismo” do municipalismo galego e coa aposta polo coidado e a protección da paisaxe, en todas as súas formas.

Cómpre lembrar que a orde de axudas dirixida aos concellos prevé dúas liñas de actuación diferenciadas para emendar posibles impactos paisaxísticos en, por un lado, edificios e equipamentos destinados a servizos públicos; e, por outro, en construcións municipais doutro tipo e bens que formen parte do patrimonio etnográfico local, en concreto, fontes, hórreos, palcos de música e lavadoiros.

As axudas poderán cubrir ata o 70% do custo total estimado das obras, cun límite de 20.000 euros por cada unha das liñas subvencionables. Deste xeito, o importe máximo a percibir polos concellos beneficiarios será de 40.000 euros. De igual xeito, as entidades que así o indicaran no momento de presentar a solicitude terán dereito a un anticipo de ata o 70% do importe da axuda co fin de facilitar o inicio e execución das obras previstas.

En canto ás subvencións deste ano dirixidas a propietarios particulares, cun orzamento asignado de 1 millón de euros, a vicepresidenta segunda en funcións avanzou tamén que se outorgarán ao redor de 355 axudas de ata 3.000 euros cada unha e dirixidas a corrixir impactos paisaxísticos en vivendas e edificacións privadas.

Entre ambos programas e tendo en conta que este ano se prevé conceder todos os fondos asignados, Ángeles Vázquez estimou en 2,9 millóns de euros o investimento total que se mobilizará grazas á execución das actuacións subvencionadas, contabilizando tamén as achegas que terán que facer concellos e cidadáns para completar o custo das obras.

Así mesmo e sumando as tres convocatorias realizadas polo IET entre 2021 e 2023, concedéronse xa preto de 7,5 millóns de euros a 1.800 particulares e 156 entidades locais, financiando intervencións en 270 dos 313 concellos galegos.

Dous lavadoiros recuperados en Chantada

Ademais da axuda solicitada este ano para intervir no edificio que alberga o arquivo municipal, o Goberno local tamén quere recuperar unha fonte no lugar de Caibe. Así mesmo, o Concello de Chantada foi beneficiario de dúas subvencións ao abeiro das convocatorias de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos realizadas polo IET nos anos 2021 e 2022, por un importe global de 19.374,06 euros. Os traballos subvencionados tiveron como obxectivo recuperar dous lavadoiros municipais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/03/2024