A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, reitera que o acceso á vivenda “é prioridade para a Xunta”

A Xunta fai entrega dunha vivenda de promoción pública en réxime de alugueiro social na Tinería de Lugo

A Xunta dispón neste barrio lucense de 96 vivendas destinadas a alugueiro social con prezos que van desde os 90€ ao mes, nas que se investiron 26M€ 

Na provincia de Lugo hai nestes momentos 694 pisos propiedade do IGVS destinados a alugueiro social

Lugo, 11 de maio de 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, fixo entrega esta mañá a unha familia dunha vivenda de promoción pública en réxime de alugueiro social no barrio lucense da Tinería. Este piso é un dos 96 que ten a Xunta nesta zona destinados a alugueiro con prezos que van desde os 90€ ao mes.

No acto, Martínez Allegue, tivo palabras de agradecemento á familia receptora “por deixarnos ser partícipes desta nova etapa que van iniciar nas súas vidas neste piso” e subliñou que un dos seus principais retos ao fronte da Consellería é “traballar para facilitar o acceso a un fogar a persoas, a familias, que o demandan e que o necesitan”.

As 96 vivendas destinadas a alugueiro social das que dispón o IGVS neste barrio lucense supuxeron un investimento total de 26M€. Nestes momentos, ademais, están redactados os proxectos de rehabilitación de dous inmobles máis adquiridos polo IGVS na Rúa Catedral e solicitada a licencia de obras. E adquiriuse outro inmoble na Rúa Carril dos Fornos.

Por outra banda, está en tramitación o procedemento de construción de novas vivendas de promoción pública na avenida Paulo Fabio Máximo que sumarán un total, polo de agora, de 146 novas vivendas ás que se engadirán posteriormente outros proxectos de vivenda pública neste mesmo ámbito.

Na provincia de Lugo, hai neste intre 694 pisos propiedade do IGVS destinados a alugueiro social, dos preto de 3.800 que hai en Galicia.  No caso da cidade, son 364 as vivendas.

“O obxectivo -destacou- é que máis familias poidan conseguir este tipo de alugueiro, facilitándolles así o acceso a unha vivenda, algo que sabemos que nestes momentos non é doado para moitas familias, e é un dos grandes retos que afrontamos desde as administracións e tamén colectivamente, como sociedade. Unha das responsabilidades actuais das administracións é potenciar a política de vivenda; por suposto, para a Xunta é prioridade”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/05/2024