A Xunta licita en Ferrol 65 novas vivendas públicas por máis de 10,8M€, que completan a contratación das promocións no Bertón

Xa están en marcha as 7 promocións da Xunta para construír 353 fogares públicos

As empresas interesadas poderán presentar ofertas ata o 15 de outubro

Ferrol.- 10 de agosto de 2026.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, anunciou hoxe a licitación das obras dunha nova promoción de 65 vivendas de promoción pública no barrio do Bertón, en Ferrol, cun investimento de máis de 10,8 millóns de euros.

A titular de Vivenda puxo o acento no significado deste contrato, xa que supón completar a licitación das sete novas promocións neste ámbito residencial, onde a Xunta impulsa a construción de 353 vivendas públicas.

A nova promoción de 65 vivendas estará integrada por tres bloques lineais de baixo e cinco plantas, con vivendas de dous e tres dormitorios, das que tres estarán adaptadas para persoas con mobilidade reducida. Son vivendas cuxa clasificación enerxética suporá a mellora medioambiental e un importante aforro económico O conxunto incluirá tamén zona verde no espazo común.

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 15 de outubro.

Allegue lembrou que a Xunta regresa a Ferrol xunto un mes despois de anunciar a licitación doutra promoción de 58 vivendas, o que evidencia o intenso ritmo de traballo do Goberno galego para incrementar o parque público residencial.

A conselleira explicou que desta vivendas previstas no Bertón, “algunhas atópanse xa en construción, outras adxudicadas e comezarán no vindeiro mes de setembro, outro bloque de 58 vivendas que se está a valorar as ofertas presentadas, e o último bloque que visitamos o pasado 10 de xullo, que aínda que está en prazo de presentación de ofertas”.

Compromiso co acceso á vivenda

Allegue subliñou que a Xunta conta cunha política clara e unha folla de ruta definida en materia de vivenda, na que Ferrol tamén constitúe un dos obxectivos prioritarios. “Actualmente, no ámbito do Bertón, hai 353 vivendas en distintas fases de execución, cun investimento comprometido que permitirá que sexan unha realidade no ano 2028”, destacou.

Neste sentido, lembrou que a Xunta tamén modificou a normativa para facilitar que máis familias e máis ferroláns poidan acceder a estas vivendas, mediante o incremento dos límites máximos de ingresos e o establecemento de cupos específicos en función das idades. Así, contempláronse cupos para menores de 36 anos e un específico para persoas de entre 36 e 45 anos con fillos a cargo.

Finalmente, puxo o acento, na importancia do traballo da Xunta de incentivar a construción de vivenda, xa que a resposta ao problema do acceso non pasa unicamente por que a Administración autonómica constrúa vivenda de promoción pública, senón tamén por incentivar os promotores e as cooperativas para que constrúan vivenda e sumar así esforzos para paliar, entre todos, as dificultades de acceso á vivenda.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/08/2026