A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, xunto co alcalde, José Manuel Rey, supervisou esta mañá o avance na execución destas obras

Ethel Vázquez avanza que esta primavera se poñerá en servizo o colector do río Sardiña que completa o saneamento da Malata de Ferrol, cun investimento conxunto da Xunta e do Concello de 900.000 €

Vázquez Mourelle explica que se trata dunha actuación complementaria ás obras de saneamento da Malata, culminada en 2021 cun orzamento autonómico de 7,3 M€

O obxectivo é solucionar os problemas que se xeran na conca do río, cunha rede de saneamento unitaria na que moitos dos colectores teñen deficiencias e derivan en vertidos

O colector parte da ponte da Malata e chega ata as proximidades do estadio, onde conecta coa rede de saneamento, que logo deriva as augas ata a depuradora de Cabo Prioriño

Actualmente está executado o 95% do colector principal e quedan pendentes o treito final, que se corresponde co cruce coa estrada provincial, así como a reposición dos pavimentos

Ethel Vázquez pon en valor o esforzo da Xunta e do Concello para mellorar o saneamento e estender este servizo ás parroquias do rural, para o que está avanzando o traballo técnico nos proxectos co fin de poder executalos, unha vez definidos
 

Ferrol, 4 de marzo de 2024

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que nesta primavera se poñerá en servizo o colector do río Sardiña que completa o saneamento da Malata de Ferrol, cun investimento conxunto da Xunta e do Concello de 900.000 €.  

A titular de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, co alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, e coa secretaria da delegación territorial da Xunta, Patricia Busto, supervisou esta mañá as obras de execución dos colectores da marxe esquerda do río Sardiña, unha actuación complementaria ás obras de saneamento da Malata, culminada en 2021 cun orzamento autonómico de 7,3 M€.

Ethel Vázquez sinalou que o saneamento da Malata permitiu conectar un ámbito da cidade, que ademais de vivendas inclúe o estadio de fútbol, a piscina municipal, a feira de mostras e o pavillón, co sistema de saneamento que conduce as augas residuais de Ferrol e de Narón cara á depuradora. Incidiu en que este proxecto foi o último dos grandes planificados para mellorar a calidade das augas da ría de Ferrol, executado por fases, e ao que a Xunta contribuíu coa achega de 115 M€.

Lembrou que, durante a execución da obra, se evidenciou a necesidade de desenvolver unha actuación adicional para completar o saneamento da enseada da Malata, para conectar a ese sistema a marxe esquerda do río Sardiña, que son os traballos que están actualmente en marcha.

O obxectivo desta nova intervención que se está a acometer é solucionar os problemas que se xeran na conca do río Sardiña, que dispón dunha rede de saneamento unitaria na que moitos dos colectores teñen deficiencias e derivan en vertidos.

Para solucionar estas carencias, tal e como explicou Vázquez Mourelle, proxectouse un colector interceptor na marxe esquerda do río, que parte na ponte da Malata e chega ata as proximidades do estadio, onde conecta coa rede de saneamento recentemente executada, que logo deriva as augas ata a depuradora de Cabo Prioriño para o seu tratamento.

Trátase dun colector unitario que funciona por gravidade, que ten unha lonxitude de 574 metros e un diámetro de 1200 mm, con 13 pozos prefabricados.

A actuación complétase cun ramal, un colector secundario tamén unitario, con 120 metros de lonxitude e 315 mm de diámetro, que inclúe neste caso, 7 pozos.

Esta actuación do río Sardiña está proxectada para servir unha poboación de 1.400 habitantes equivalentes, como limiar máximo en época estival, e no ano horizonte de 2045.

No que se refire ao avance dos traballos, Vázquez Mourelle indicou que xa está executado o 95% do colector principal e queda pendente o treito final, que se corresponde co cruzamento coa estrada provincial, así como a reposición dos pavimentos. Unha vez completado este colector principal, executarase o ramal secundario que transcorre baixo esa vía.

Esta actuación é cofinanciada nun 80% a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

A conselleira en funcións tamén puxo en valor o esforzo da Administración autonómica e do Goberno municipal de Ferrol para mellorar o saneamento e estender este servizo esencial ás parroquias do rural. Así, concretou que se avanza no traballo técnico para actualizar e concretar tecnicamente os proxectos que deben desenvolverse e, unha vez definidos, poderán comezar a executarse.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/03/2024